UNIÓNS INSTA ÁS INDUSTRIAS A SUBIR O PREZO DO LEITE DE XEITO INMEDIATO

Cunha suba dos custos de produción cercana ao 10%, os contratos en vigor non están a cumprir a Lei de Cadea

Santiago, 19 de xullo de 2021.– Unións Agrarias fai un chamamento para que as industrias lácteas modifiquen con urxencia os prezos de recollida do leite. Nos últimos meses os custos de produción das explotacións aumentaron un 8,5%; polo que a organización agraria insta ás firmas que recollen leite en Galicia a actuar con responsabilidade e a acometer sen demora modificacións á alza dos prezos recollidos nos contratos en vigor; de xeito que quede garantido o cumprimento da Lei de Cadea.

Unións Agrarias ten iniciado unha rolda de contactos coas industrias lácteas que operan en Galicia para facelas partícipes da mala situación que atravesan os gandeiros a raíz do aumento da suba dos custos de produción. A organización agraria xa puxo tamén a situación en coñecemento da administración autonómica; e apela agora á responsabilidade dos implicados para garantir a rendabilidade das explotacións; así como o dereito dos produtores a percibir prezos xustos.

Unións Agrarias destaca a gravidade da situación que atravesan as explotacións lácteas; máis aínda nun contexto no que as industrias levan meses incrementando beneficios debido á revalorización dos produtos industriais derivados, como a manteiga e o leite en pó. “A pesar de que a industria está a aumentar os seus beneficios, ese incremento da rendabilidade dos produtos lácteos non se está a trasladar ao sector produtor, que cada ano perde explotacións. Se non queremos que sigan desaparecendo granxas de carácter familiar urxe unha revisión á alza do prezo que percibe o gandeiro: ao elo máis débil da cadea e o único que non reporta beneficios”.

Unións Agrarias lembra a importancia do sector produtor de leite en Galicia, “non só en canto á súa dimensión económica, senón tamén dende un punto de vista social, como vertebrador e xestor do territorio e axente activo na loita contra o despoboamento do rural”.

No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gadeiros galegos foi de 0,324 €. Un céntimo por debaixo da media estatal e case 3 céntimos menos que o ingresado polos gandeiros asturianos. Iso a pesar de que a porcentaxe media da materia graxa do leite entregado en Galicia (do 3,79% en abril de 2021) é superior á media nacional (do 3,71% no mesmo mes). Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que fai que a rendabilidade do leite das granxas galegas sexa maior ao producido noutras Comunidades.

Para Unións Agrarias resulta moi grave a actitude das industrias que, a pesar de estar a aumentar os seus beneficios; se resisten a trasladar ese incremento da rendabilidade dos produtos lácteos ao sector produtor. Nese senso, UUAA lembra que a maior parte dos contratos de abastecemento subscritos entre produtores e industrias teñen duración anual e son a prezo fixo. O que, na situación actual de incremento de custos de produción, supón unha condena que aboca a perdas económicas ás explotacións.

A organización agrogandeira considera moi urxente e necesario modificar estes contratos; que están a supoñer na práctica un incumprimento da Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria.

Unións Agrarias fai un chamamento para que todas as administracións, así como as industrias lácteas e a distribución, se sumen a unha estratexia conxunta que permita garantir a rendabilidade do sector lácteo e conseguir por fin un reparto equitativo entre todos os elos da cadea. Nesa liña, a organización agradece a boa disposición amosada pola Consellería do Medio Rural na xuntanza mantida días atrás e confía en que as industrias acometan canto antes as modificacións contractuais precisas para garantir a rendabilidade das explotacións galegas.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias