ASOCIACIÓN DE CLUBES E CAZADORES DE CAZA MAIOR DE GALICIA SÚMASE Á REIVINDICACIÓN POR UNHA NOVA XESTIÓN DO XABARIL

UUAA busca formar unha fronte ampla para que a administración asuma responsabilidades e exonere aos colectivos cinexéticos da obriga do pago dos danos

A Asociación de Clubes e Cazadores de Caza Maior de Galicia ven de sumarse á reivindicación impulsada por Unións Agrarias para unha nova xestión do xabaril. O colectivo cinexético acordou incorporarse á fronte común que a organización agraria quere impulsar, da man de tecores e asociacións de caza de toda a Comunidade; para forzar á Xunta a modificar a Lei de Caza e conseguir que a administración asuma o pago dos danos provocados por esta especie; entre outras medidas para lograr a eficacia da caza social galega como principal ferramenta de xestión das poboacións de porco bravo en Galicia.

Unións Agrarias agradece o apoio da Asociación de Clubes e Cazadores de Caza Maior de Galicia. Un colectivo cuxo respaldo ás demandas por unha xestión efectiva do xabaril impulsadas desde Unións ven de lonxe; pois xa en xaneiro de 2020 esta asociación participara nas reivindicacións organizadas coincidindo co debate no Parlamento de Galicia dunha iniciativa lexislativa popular; impulsada por UUAA e avalada por casi 7000 sinaturas de veciños do rural.

O apoio da Asociación de Clubes e Cazadores de Caza Maior de Galicia chega poucos días despois de que os tecores de Zas, Santa Comba, Mazaricos, Camariñas e Muxía decidisen tamén sumarse a esta fronte común.

A actual Lei 13/2013 de Caza de Galicia no seu Artigo 62 establece a responsabilidade do pago dos danos da fauna cinexética aos TECOR e Sociedades de Caza, exonerando á Xunta do pago dos mesmos excepto nas zonas de caza libres. Unha pretensión irreal, dado que as sociedades de caza non teñen capacidade económica para facer fronte aos máis de 14 millóns de euros que se estima causa o xabaril na agricultura galega anualmente.

Unións lembra que, alén dos cuantiosos danos que esta especie provoca na agricultura; o xabaril representa un problema social no rural galego, sendo xa o principal factor de risco da seguridade viaria, con máis de 3.200 accidentes de tráfico no ano 2019. Así como un problema ecolóxico, especialmente nos espazos protexidos e na Rede Natura; onde actúa como un depredador de fauna autóctona e protexida. Ademais, hai que ter en conta o risco sanitario que o porco bravo representa para a cabana gandeira; ao funcionar como un vector de transmisión da Peste Porcina Africana.

A proposta que agora se pretende elevar conxuntamente entre a organización agraria e unha maioría cualificada de Sociedades de Caza e tecores galegos inclúe tamén o recoñecemento da Caza Social galega como ferramenta indispensable para a xestión do xabaril; a distinción entre a caza cinexética e a caza por control de danos; e un papel máis activo da Consellería de Medio Ambiente na definición das medidas de control de danos que hai que tomar para protexer os cultivos, especialmente durante a época de veda. Así como a autorización de alimentación disuasoria baixo supervisión técnica, apoio de traballos de desbouzado e limpeza no monte en zonas abandonadas, autorización de caza de exemplares inmaduros ou uso de xaulas de captura na modalidade de caza non cinexética para o control de danos.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias