Santiago, 21 de xullo de 2021- Unións Agrarias considera insuficiente a suba de prezos proposta por dúas industrias, que veñen de comunicar aos gandeiros cos que traballan a súa intención de incrementar as tarifas de recollida do leite en vigor. Unha iniciativa que a organización agraria valora positivamente; pero que, no contexto actual de suba dos custos de produción, resulta insuficiente para garantir a rendabilidade das explotacións e cumprir coa Lei de Cadea.
Unións Agrarias valora a iniciativa de Pascual e Naturleite; as primeiras firmas que teñen dado un paso adiante para actualizar os prezos do leite en orixe. Porén, as subas propostas (1 céntimo por litro para o último cuadrimestre de 2021 no caso de Pascual e 2 céntimos por litro entre agosto e abril no de Naturleite) resultan insuficientes no momento actual; pois non permiten correxir o diferencial que as explotacións galegas viñan arrastrando, con tarifas por debaixo da media estatal; e compensar a forte suba dos custos de produción que, nos últimos meses, agravou a situación das granxas.
Unións Agrarias xa ten iniciado conversas co conxunto das industrias lácteas que operan en Galicia. E continuará traballando para actualizar os prezos de recollida do leite dos contratos en vigor e fixar tarifas que garantan o dereito dos gandeiros a percibir prezos xustos, tal e como estipula a Lei de Cadea Alimentaria.
UUAA valora estes primeiros pasos, e confía en que nas próximas semanas poidan materializarse os acordos necesarios para rematar coa mala situación que as granxas galegas veñen arrastrando e garantir a súa rendabilidade.
Xuntanza cos gandeiros
Nos vindeiros días UUAA reunirase cos gandeiros das principais zonas produtoras de Galicia que forman parte da organización para falar da situación do sector e valorar os pasos dados e o camiño a seguir para dar forma a un novo marco que garanta o futuro do lácteo galego. Os primeiros encontros serán este venres ás 12h no Multiusos de Santa Comba; e ás 16:30 na Casa da Cultura de Ordes.
A organización fai un chamamento para que todas as administracións, así como as industrias lácteas e a distribución, se sumen a unha estratexia conxunta que permita garantir a rendabilidade do sector lácteo e conseguir por fin un reparto equitativo entre todos os elos da cadea. Ademais, Unións lembra a importancia do sector produtor de leite en Galicia, “non só en canto á súa dimensión económica, senón tamén dende un punto de vista social, como vertebrador e xestor do territorio e axente activo na loita contra o despoboamento do rural”.
No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gadeiros galegos foi de 0,324 €. Unha cifra que xa situaba ás granxas da nosa Comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción rexistrado a raíz do forte incremento dos prezos dos pensos, a electricidade e os gastos de persoal.
Hai que lembrar que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal. Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que sitúa a rendabilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media.