UUAA CONSEGUE UN AUMENTO DOS RENDEMENTOS NAS PARCELAS DE RÍAS BAIXAS

Os viticultores desta DO poderán producir este ano 1.500 quilos de uva máis por hectárea

Santiago, 24 de xullo de 2021- Os produtores de Rías Baixas poderán comercializar este ano 13.500 quilos de uva por hectárea ao amparo desta DO en lugar dos 12.000 habituais. Unha medida extraordinaria que, en vista da abundante colleita prevista, Unións Agrarias solicitou xa no mes de xuño; e que este venres foi debatida e aprobada polo pleno deste Consello Regulador.

O Consello Regulador da DO Rías Baixas acordou permitir nesta campaña un aumento dos rendementos por hectárea do 12,5%. Unha medida proposta por Unións Agrarias, coa que a organización busca dotar de maiores garantías aos viticultores e evitar que estes se vexan forzados a deixar uva sen colleitar.

Unións Agrarias entende que, nun ano no que as adegas carecen practicamente de stock, non tería sentido poñer trabas para que os produtores vendesen ao amparo da DO a maior cantidade posible dunha uva que, efectivamente, foi producida nas parcelas de Rías Baixas e ofrece todos os parámetros esixibles para ser etiquetada como tal.

A modificación aprobada supón un importante respaldo para os viticultores de Rías Baixas; que contarán con maiores garantías á hora de dar saída á unha colleita que se prevé abundante; evitando que quede uva sen colleitar. Así como a posibilidade de que se cree un mercado paralelo que únicamente favorecería a baixada dos prezos percibidos polos agricultores e a fraude.

Desde 2011 non se aprobaba en Rías Baixas un aumento dos rendementos por hectárea. Unha medida que Unións Agrarias valora moi positivamente dende o punto de vista da preservación da viticultura social e da protección dos pequenos produtores.

A organización agraria pon en valor unha medida que permitirá cubrir as necesidades de abastecemento de uva das adegas nun marco de máximas garantías de prezo e óptimas condicións para os produtores. Nesa liña, UUAA insta a seguir traballando para dotar da máxima transparencia ás relación entre adegas e viticultores. E a reforzar os traballos de inspección e control para garantir unha sintonía entre o volume das colleitas detectado nas parcelas e a cantidade de uva que entra nas adegas; de xeito que se evite o desperdicio de produción e se garanta a máxima calidade dos viños producidos dentro da DO, evitando calquera posibilidade de entrada de materia prima externa.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias