Santiago, 28 de xullo de 2021- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar para que a recén presentada Estratexia do Viño se convirta no respaldo que os pequenos e medianos viticultores precisan. A organización agraria valora positivamente a aposta da Consellería do Medio Rural polo sector vitivinícola, pero solicita que o apoio ás adegas se vincule ao cumprimento estrito das obrigas destas cos produtores de uva.
Á espera de coñecer a letra pequena e ver como van desenvolvéndose as accións recollidas nos distintos eixos da Estratexia que onte presentaba o conselleiro do Medio Rural; UUAA entende que algunhas das medidas propostas poden resultar positivas; como o pulo á cooperación entre as distintas denominacións de orixe, o apoio á comercialización ou a habilitación do stock cualitativo.
Unións Agrarias valora a aposta pola recuperación e posta a disposición de terras; así como a vontade da administración galega por garantir o relevo xeracional no sector. Porén, a organización entende que o mellor xeito de conseguir que a xente nova quede no campo e se interese pola produción vitivinícola pasa por garantir a viabilidade económica dos produtores de uva.
UUAA lembra que os pequenos e medianos produtores e a viticultura social son a base do sector en Galicia. E reclama que a Xunta vincule calquera liña de apoio ás adegas ao establecemento de garantías de recollida da uva e prezos suficientes; que cumpran coa Lei da Cadea Alimentaria e garantan a rendabilidade e o futuro das explotacións.
A organización agraria manterase expectante para ver como vai materializándose a estratexia. E fai un chamamento para que esta se convirta no pulo que o sector e, sobre todo, os produtores e a viticultura social, precisan.
Unións lembra a importancia estratéxica das pequenas explotacións vitivinícolas; fundamentais para fixar poboación e un sustento económico imprescindible en moitas zonas do rural galego. Un papel estratéxico dende o punto de vista social, cultural e demográfico que a organización agarda sexa tido en conta na posta en marcha desta nova Estratexia do Viño.