Demandamos unha nova xestión do xabaril

Consulta aquí as peticións impulsadas por UUAA, da man de tecores e sociedades de caza

Dende hai semanas Unións está a reunirse con tecores e sociedades de caza para sumar forzas e dar forma a unha fronte común ampla que force á Xunta de Galicia a mover ficha en relación á problemática do xabaril. A problemática é de sobra coñecida, con danos nos cultivos que roldan os 12 millóns de euros anuais, accidentes de tráfico que aumentan ano a ano e que en 2019 acadaron os 3.200 e un risco latente para o sector cárnico de porcino en canto á posible transmisión da peste porcina africana.

O marco actual en materia de caza non está a funcionar para controlar nin as poboacións de xabaril nin os danos que este produce na agricultura e na gandeiría. Moito menos está a funcionar o actual modelo de responsabilidade de indemnización económica, que supera con moito as posibilidades de pago dos TECOR e Sociedades de Caza; que carecen dos medios precisos para facer fronte ao volume dos pagos e que ano tras ano ven diminuír o seu número de efectivos coa paulatina redución do número de licenzas de caza.

Cómpre proceder a unha reforma do marco legal vixente en Galicia que, respetando as singularidades da Caza Social galega, sirva para acadar un control efectivo das poboacións de xabaril; limitar os danos na agricultura e a gandeiría; e exonerar aos TECOR e Sociedades de Caza da responsabilidade do pago dos danos producidos polas poboacións de xabaril nos cultivos galegos. Considerando preciso que se incorporen entre outras, as seguintes medidas:

Eliminación da obriga para TECOR e Sociedades de Caza da indemnización automática dos danos producidos pola fauna cinexética na agricultura e a gandeiría; a cal pasaría a ser de xeito xeral responsabilidade da Xunta de Galicia, recoñecendo o carácter de “res nullius” das pezas de caza.

Posta en marcha de mecanismos públicos de pago dos danos do xabaril aos afectados segundo o establecido no punto anterior, definindo un protocolo áxil de actuación e baremos de pago adaptados ao valor real de mercado das producións afectadas.

Protocolo de actuación de control de danos do xabaril centralizado na Administración, que determinaría as accións a poñer en marcha unha vez que se comproban os danos comunicados polos afectados, apoiándose para a súa execución na caza social galega.

Distinción clara entre a caza cinexética practicada durante o periodo hábil de caza e a caza por control de danos, rexíndose esta última por unhas normas diferentes onde primarán os criterios de eficacia e de seguridade.

Autorización de alimentación disuasoria baixo supervisión técnica, apoio de traballos de desbouzado e limpeza no monte en zonas abandonadas, autorización de caza de exemplares inmaduros ou uso de xaulas de captura na modalidade de caza non cinexética para o control de danos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias