UUAA PIDE QUE A CONTA LÁCTEA SE INCLÚA COMO REFERENCIA NA LEI DE CADEA

A organización valora a nova aplicación, pero insta a Xunta e Ministerio a validar públicamente os datos da nova ferramenta

Santiago, 4 de agosto de 2021- Unións Agrarias insta ás administración a converter a Conta Láctea nunha ferramenta oficial. A organización agraria valora positivamente a posta en marcha da nova aplicación que esta mañá presentou a Consellería do Medio Rural. Mais fai un chamamento á responsabilidade e solicita que Xunta e Ministerio a avalen como método de referencia para o cálculo dos custos de produción a ter en conta para o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.

UUAA entende que a nova aplicación dixital impulsada por Medio Rural da man da Fundación Juana de Vega pode ser moi positiva á hora de establecer as liñas vermellas que as industrias non deben traspasar e garantir prezos xustos para as explotacións. Porén, a organización considera necesario ir un paso máis aló para non xerar frustración e conseguir que os datos introducidos polos gandeiros teñan consideración de oficiais.

Unións Agrarias entende que a Xunta de Galicia debe facer un seguimento dos custos achegados polos produtores a través da app e validalos públicamente. Ademais, insta ao Ministerio de Agricultura a impulsar as reformas precisas para que a ferramenta impulsada polo goberno autonómico teña consideración oficial e se incorpore como referencia á Lei da Cadea.

A organización confía en que as administracións se involucren e velen polo bo funcionamento desta nova ferramenta. E apela a que se realicen as revisións técnicas necesarias para evitar duplicidades e facilitar o seu manexo: de xeito que se evite que os produtores teñan que duplicar o rexistro de datos, facilitando o intercambio entre os programas que as explotacións xa empregan para a súa contabilidade fiscal e a nova aplicación.

Unións Agrarias considera necesario seguir traballando para desterrar definitivamente a venda a perdas do sector lácteo. E confía en que a nova Conta Láctea se convirta nunha ferramenta verdadeiramente útil para rematar coa mala situación que as granxas galegas veñen arrastrando e garantir a súa rendabilidade.

No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gadeiros galegos foi de 0,324 €. Unha cifra que xa situaba ás granxas da nosa Comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción. Hai que lembrar que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal. Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que sitúa a rendabilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias