Santiago, 4 de agosto de 2021- Unións Agrarias solicita a implicación da Xunta de Galicia para que o novo contrato tipo de homologación de compravenda de uva se convirta no método habitual de relación entre produtores e adegas. A organización valora positivamente a nova ferramenta; e insta ao goberno galego a mover ficha para conseguir que o seu uso aporte as garantías que os pequenos e medianos viticultores precisan.
UUAA entende que a posta en marcha dun novo contrato plurianual permitirá dotar de maior estabilidade ao conxunto do sector vitivinícola. A organización considera que a aplicación dunha relación contractual a tres anos suporá un importante espaldarazo para os produtores de uva e permitirá avanzar cara a unha relación máis igualitaria entre estes e as adegas; evitando sorpresas así como a posible aplicación de cláusulas abusivas.
Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a vincular o uso deste novo contrato tipo a liñas de axudas públicas ás adegas como as recollidas na nova Estratexia do Viño. Así como ao despósito dos contratos asinados nun rexistro público antes do inicio da vendima.
UUAA entende que este é momento perfecto para activar o rexistro público de contratos que a organización leva tempo reclamando. Unha ferramenta indispensable para dotar de garantías aos produtores e evitar a sinatura de contratos en branco; así como a posibilidade de que as adegas realicen modificacións no prezo pactado ou o adapten ás súas necesidades unha vez recollida a uva.
Unións lembra a importancia estratéxica das pequenas explotacións vitivinícolas; fundamentais para fixar poboación e un sustento económico imprescindible en moitas zonas do rural galego. Un papel estratéxico dende o punto de vista social, cultural e demográfico que a organización agarda sexa tido en conta polo goberno galego.
Unións Agrarias lembra que os pequenos e medianos produtores e a viticultura social son a base do sector en Galicia. E insta Xunta de Galicia a colocalos no centro da súa estratexia de apoio; impulsando medidas que aseguren o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria e a recollida da uva e prezos que garantan a rendabilidade e o futuro das explotacións.