Unións Agrarias impulsará actuacións legais e sindicais se nas vindeiras semanas industrias e distribución non se suman de xeito decidido á estratexia conxunta para conseguir que a Lei de Cadea Alimentaira se cumpra no sector lácteo. Así o anunicou esta mañá a organización; nunha rolda de prensa na que o secretario xeral e o responsable de Coordinación sectorial e Área Externa adiantaron a intención de UUAA de interpoñer denuncias ante a AICA no caso de que as principais industrias que recollen leite en Galicia non muden de actitude e suban as tarifas que aboan aos gandeiros. Igualmente, os representantes de Unións avanzaron tamén o inicio dunha campaña de sinalamento contra as cadeas de distribución que sigan empregando o leite como produto reclamo.
“Tras un primeiro traballo de conversas e concienciación con todas as partes implicadas, é o momento de pasar das palabras e das demostracións de boas intencións á práctica. Temos razón legais e morais, e se nas vindeiras semanas non se materializa o compromiso explícito do conxunto de industrias e distribución non dubidaremos en facelo”. Así anunciaba Unións Agrarias a súa vontade de apostar pola vía xudicial e a acción sindical para rematar coa anómala situación que leva xa demasiado poñen en risco a viabilidade das explotacións e facer cumprir a Lei de Cadea no sector lácteo.
Nos vindeiros días UUAA fará un esforzo para incorporar os datos contables dos arredor de 2.500 gandeiros que forman parte de Ulega á nova aplicación Conta Láctea. O obxectivo: demostrar coa maior cantidade posible de datos unha realidade cara á que xa apuntan as cifras coas que traballa o Ministerio: que as industrias están pagando aos gandeiros por debaixo do que a estes lles custa producir.
Con esa base como aval, a organización asegura que non dubidará en empregar eses datos xudicialmente se as principais industrias non corrixen prezos. “De non haber un cambio presentaremos denuncias formais na AICA por incumprimento da Lei de Cadea, e agardamos que as administración estean á altura das circunstancias”.
Na mesma liña, UUAA non dubidará en impulsar accións de presión sindical contra as cadeas de distribución que non colaboren; sinalándoas publicamente para buscar a complicidade dos consumidores.
Unións Agrarias leva meses traballando coa distribución, coa industria e coa administración para conseguir valorizar a cadea e que ningún elo siga perdendo cartos na comercialización do seu produto. “Cremos que existe boa intención, e algunhas industrias e distribuidoras xa anunciaron subas. Porén, resultan insuficientes para garantir a rendabilidade do sector”.
Nos últimos 7 meses produciuse unha escalada nos custos de produción das granxas de case 3 céntimos por litro de leite. Unha situación que se suma ao diferencial que as explotacións galegas xa mantiñan respecto ás do resto do estado; con prezos por debaixo da media e ata 3 céntimos inferiores aos que perciben os gandeiros doutras Comunidades, como a veciña Asturias. “Non é posible manter a actual situación de banalización do leite. O actual modelo está a supoñer o peche de moitas granxas familiares, e hai que poñerlle freo. Non parece lóxico que sexa precisa unha actuación sindical para facer cumprir a lei: o lóxico sería que o goberno e os xulgados se encargasen diso. Pero se é preciso non dubidaremos en recorrer á vía que sexa necesaria”.
Mercadona, Lidl e Vegalsa-Eroski xa anunciaron a súa intención de subir o prezo do leite. Porén, Unións Agrarias manteras alerta para comprobar que as boas palabras de Gadis, Carrefour e Alcampo, coas que a organización tamén mantivo contactos, se transformen nun comportamento axeitado e nun compromiso para deixar de empregar o leite como produto reclamo.
No que atinxe ás industrias, Naturleite, Celta, Clun e Pascual xa tomaron a decisión de incrementar os prezos que pagan aos gandeiros neste mesmo mes. Porén, é necesario que outras industrias como Lactalis e Central Leiteira Asturiana, das que máis leite recollen en Galicia, tomen exemplo e muden de actitude.
Unións Agrarias destaca a evidencia de que manter os prezos como está suporía incumprir a lei e negar aos produtores o seu dereito á rendabilidade. A organización lembra que tanto cuantitativa como cualitativamente Galicia é a Comunidade láctea por excelencia, cun volume de produción que supera a suma das outras seis maiores produtoras do estado. Sen embargo, a baixa rendabilidade é un problema que cada vez se agrava máis nas explotacións galegas. “Os gandeiros galegos perciben o prezo máis baixo: só en Baleares cobran menos polo leite que producen. E non parece normal que un gandeiro galego cobre tres céntimos menos que un asturiano”, destaca a organización agraria. Que reivindica a urxencia de que as “expectativas e a ilusión” xeradas coa modificación da Lei de Cadea Alimentaria, hai xa ano e medio, se materialicen por fin. “Non é posible seguir tolerando esta situación, máis aínda logo da forte suba dos custos de produción rexistrada nos últimos meses. O Ministerio conta con todos os datos e, se industrias e distribución non moven ficha, debe actuar”.