Santiago, 23 de agosto de 2021.- A organización Unións Agrarias valora positivamente o anuncio realizado polo grupo de distribución Mercadona no que indica un novo modelo de comercialización máis respectuoso co sector lácteo. Na comunicación realizada pola cadea de supermercados valenciana, confírmase que a partir do vindeiro día 3 mes de setembro non se permitirá a venda en ningunha das súas tendas de brics de leite por debaixo de 60 cts/litro.
UUAA considera un paso moi importante que a marca líder da distribución aceptara dar este primeiro paso, logo de meses de negociación, polo arrastre que debera supoñer para o resto do sector distribuidor no camiño que deixar atrás as políticas comerciais tóxicas de poñer á venda leite a prezos moi por debaixo dos custos de produción. Nesta mesma liña tamén se está situando a grande cadea de supermercados galega Gadis, que no marco das negociacións abertas con Unións Agrarias ven de manifestar que está disposta a revalorizar a produción láctea no seus lineais; achegando os prezos de venda ao público á renda real que precisa unha explotación gandeira para ser viable.
Unións Agrarias considera imprescindible seguir traballando para desterrar definitivamente a venda a perdas do sector lácteo. Neste contexto, resulta necesaria unha participación máis activa de todas as administracións para lograr o total cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e unha formación xusta dos prezos.
Hai que lembrar que no último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi de 0,324 €. Unha cifra que xa situaba ás granxas da nosa Comunidade nun contexto de venda a perdas; e que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción. Tampouco hai que esquecer que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal. Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media.