UUAA INSTA Á XUNTA A ACTUAR CON DILIXENCIA PARA PALIAR OS DANOS DAS TREBOADAS NAS VIDES DO RIBEIRO

O pedrizo causou destrozos en Pazos de Arenteiro, Boborás, Gomariz, Riobóo e Viladerrei

O Carballiño, 1 de setembro de 2021.- Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia se manteña alerta e actúe coa máxima dilixencia para axudar aos viticultores a afrontar con rapidez os danos causados polas treboadas que están a afectar á zona do Ribeiro. A organización ten localizado destrozos en vides espalladas por distintas zonas produtivas situadas principalmente na zona norte desta DO. Desperfectos que poderían aumentar nas vindeiras horas, habida conta da previsión meteorolóxica e das tormentas que se agardan aínda para esta xornada e máis para a de mañá.

Unións Agrarias olla con preocupación cara á denominación de orixe do Ribeiro, que nas últimas horas está a padecer os efectos adversos dun intenso temporal de choiva e pedrazo. Á espera de poder realizar unha cuantificación exacta dos danos rexistrados, a organización xa ten constancia de numerosas parcelas con vides danadas nas zonas de Pazos de Arenteiro, Boborás, Gomariz, Riobóo ou Viladerrei. Destrozos que chegan nunha época especialmente sensible e complicada, coa uva xa madura e ás portas do inicio da vendima.

A organización xa ten realizado xestións para que as peritaxes e o pago dos danos se realicen coa máior celeridade no caso das parcelas aseguradas. Porén, en vista dos datos dispoñibles todo parece indicar que a porcentaxe de produtores afectados que non contan con seguro será alta. Así as cousas, UUAA insta á Xunta de Galicia a manterse alerta e a actuar con premura para axilizar a cuantificación dos destrozos e o pagamento das correspondentes axudas económicas aos viticultores afectados.

Unións Agrarias lembra o carácter estratéxico, tanto dende o punto de vista socioeconómico como cultural e demográfico, que desempeña a viticultura no Ribeiro. Unha zona caracterizada polas pequenas explotacións que desempeñan un papel fundamental para fixar poboación, pois representan o único activo económico existente en moitas áreas do rural ourensán. Nese senso, a organización fai un chamamento á responsabilidade e insta á Xunta de Galicia a non deixar a estes pequenos produtores na estacada e a prestarlles a axuda precisa para afrontar o custo económico destas treboadas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias