UNIONS AGRARIAS RECLAMA A ITV MÓBIL DE XEITO URXENTE PARA O CONCELLO DE CHANTADA

Moitos agricultores e gandeiros non puideron pasala debido ao pouco tempo e as insuficientes citas dispoñibles na última visita

Chantada, 2 de setembro de 2021.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar para que a ITV móbil se desprace de xeito urxente a Chantada debido á gran cantidade de produtores que non conseguiron levar a revisar a súa maquinaria.

Na última vez que se pasou a inspección técnica de vehículos en Chantada, moitos agricultores e gandeiros non puideron achegarse coas súas máquinas dado que a ITV móbil tan só permaneceu día e medio neste municipio e non había citas dispoñibles suficientes.

En vista de que imos entrar nun período intenso de actividade no campo; co ensilado do millo, a sementeira de prados e outras actividades como os abonados ou a vendima á volta da esquina; moitos agricultores e gandeiros de Chantada corren o risco de ser sancionados pola Garda Civil ao non ter ao día a pertinente revisión.

Como alternativa ante esta flagrante falla de coordinación por parte dos equipos da ITV, os produtores terían que desprazarse ata o concello de Lalín para poder realizar a revisión da súa maquinaria. Un percorrido de 35 quilómetros por estrada con vehículos especiais. Ou a Monforte de Lemos, o que tamén neste caso os obrigaría a percorrer unha distancia completamente inviable para pequenos tractores, sulfatadoras ou colleitadoras.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias