Santiago, 10 de setembro de 2021.– Unións Agrarias amosa a súa preocupación polo atraso na facturación que están a padecer os clientes de Naturgy. Gandeiros de distintas comarcas galegas teñen feito chegar o seu malestar á organización agraria; pois a eléctrica leva máis de tres meses sen facturarlles os importes correspondentes ao seu subministro e sen facerlles chegar tampouco información algunha respecto á evolución dos seus consumos e tarifas. Unha situación que está a xerar alarma, habida conta do forte e constante incremento que o prezo da luz ven experimentando nos últimos meses. E que, acumulado deste xeito, ameaza con transformarse nun requerimento económico desorbitado para as mermadas rendas do rural.
Gandeiros do Deza, Bergantiños, Ordes ou Lugo levan dende o mes de maio sen noticias da súa empresa eléctrica. Nalgúns casos, a ausencia de facturación remóntase incluso máis atrás, chegando ata os 5 meses. Unha circunstancia que está a xerar alarma; pois coincide no tempo cos cambios á alza nos prezos da electricidade. E sitúa ás explotacións gandeiras con altos consumos de enerxía nunha situación de incerteza e preocupación.
Tanto as explotacións lácteas como as destinadas á cría de aves teñen uns requerimentos enerxéticos altos. Polo que gandeiras e gandeiros están inquedos ante o que está por vir, no caso de que Naturgy lles facture de súpeto o importe de máis de tres meses de subministro nun momento no que o prezo da enerxía se ten encarecido arredor dun 22%.
Os retrasos na facturación por parte desta eléctrica espállanse polas principais zonas produtoras de leite e polo da nosa Comunidade. Polo que Unións Agrarias fai un chamamento á responsabilidade e solicita medidas extraordinarias, como a posibilidade do pago fraccionado, ante o que podería ser un desembolso inasumible para os petos do sector primario galego.
A organización lembra a delicada situación que atravesa a gandería; sumida nunha crise de baixos prezos que se ten agravado dende o inicio da Covid-19, e que está aínda moi lonxe de remontar. A pesar do estipulado na Lei de Cadea Alimentaria a venda por debaixo de custos de produción segue a ser unha realidade xeralizada no sector gandeiro. Que ademais leva meses lidiando co encarecemento doutras materias primas e subministros esenciais; como o cereal e os pensos para alimentación do gando, o combustible, as sementes e fertilizantes, o custo de seguros e reparacións ou a man de obra.