UUAA inicia mobilizacións para visibilizar a grave situación do sector cárnico de vacún

O calendario de accións arrinca este venres 17 en Santiago de Compostela

Unións Agrarias anuncia un calendario de mobilizacións para dar a coñecer a grave situación que atravesa o sector cárnico de vacún galego. Arrincará este venres, 17 de setembro, ás 11:30 na compostelana Praza do Toural. Onde a organización realizará un acto de sensibilización que incluirá o reparto gratuíto de máis de 1.000 quilos de carne de vacún.

 

“Poucos sectores se atopan nunha situación tan dramática como o de carne de vacún, que parte dunha década sen variacións no prezo que os gandeiros perciben. No 2015 as explotacións cobraban o quilo de carne que producían a 4,60 €, e hoxe seguen na mesma cantidade. Nen sequera fomos quen de repercutir a suba do IPC anual”, explicaba esta mañá o secretario xeral da organización.

Desde 2015 as explotacións galegas de carne de vacún deixaron de percibir máis de 39 millóns de euros a causa da non actualización das cotizacións da carne á variación do IPC. Unhas perdas que se xa antes da Covid situaban ás explotacións galegas nunha tesitura moi complicada, a día de hoxe tradúcense nunha situación insostible; logo da baixada de prezos dun 20% impulsada pola crise sanitaria do último ano e do forte incremento dos custos de produción: coa electricidade un 22% máis cara, os pensos un 12,6%, e os fertilizantes e o gasoil un 17%.

No que vai de ano producir un quilo de carne é 60 céntimos máis caro que a finais de 2020. Porén, o sector non está a ser quen de repercutir ese incremento nos prezos de venda da carne; debido á “dependencia en exclusiva dunha estrutura de matadoiros e tratantes que practicamente pode calificarse de monopolio; e que impoñen condicións que pouco ou nada teñen que ver coa situación de mercado”.

Así as cousas, Unións Agrarias fai un chamamento público e reclama a complicidade da cidadanía para impulsar cambios. “Un gandeiro non pode verse vendendo a 4,60 cando os seus custos de produción son de 5,39. Hai que facer cumprir a Lei de Cadea”, asevera a secretario xeral de UUAA.

A organización destaca a singularidade do modelo de explotacións en Galicia. Un sector integrado por granxas familiares que funcionan de acordo a un modelo tradicinal en extensivo. “Máis de 11.000 explotacións que non só abastecen ao mercado de carne diferenciada, de primeirísima calidade e producida baixo os máis altos parámetros de benestar animal; senón que ademais xogan un papel imprescindible no que ten que ver coa xestión do territorio, a loita contra o abandono e os incendios forestais”.

“Falamos dun sector integrado fundamentalmente por explotacións familiares”, explicou o voceiro de UUAA. Que apela á complicidade dos consumidores para realizar unha compra responsable escollendo a carne “de quen aposta polo país e polo territorio”.

“É importantísimo diferenciar de que gandeiría estamos a falar e poñer en valor a maneira de traballar das nosas explotacións; cuxa desparición tería graves consecuencias medioambientais”, destacou o secretario xeral da organización agraria. Que reivindicou contratos estables e transparentes e un novo modelo de relación que permita ás gandeiras e gandeiros percibir prezos xustos.

 

 

 

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias