UNIÓNS AGRARIAS DEMANDA MEDIDAS ANTE A AMEAZA DO LOBO NA MARIÑA LUCENSE

A organización convoca unha concentración de protesta o xoves 30 en Viveiro

Viveiro, 18 de setembro de 2021.– Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a intervir ante a crecente preocupación que o lobo está a xerar na Mariña Lucense. O achegamento cada vez maior do cánido ás vivendas ten en alerta á veciñanza da zona. Que teme que os ataques ao gando e mesmo a animais de compaña que veñen sucedéndose nos últimos meses poidan dar paso a ataques a persoas. Por ese motivo, a organización convocará unha concentración de protesta o xoves 30 de setembro, ás 12 horas, nas inmediacións da Xefatura da Consellería do Mar en Celeiro.

Durante os últimos meses as accións do lobo na comarca da Mariña están a crear unha alarma social que vai a máis. A presenza destes animais nos montes da zona leva anos impedindo un normal desenvolvemento da actividade gandeira; especialmente da equina, da que pode supoñer a desaparición a curto prazo. Porén dun tempo a esta parte a tipoloxía dos ataques está a superar todas as liñas vermellas, pois nas últimas semanas o lobo ten chegado a matar becerros, ovellas, cabras e mesmo cans ás portas mesmas das casas.

Unións Agrarias considera que a Xunta de Galicia non pode seguir obviando a situación; pois a actitude cada vez máis destemida do lobo en zonas como Ourol ten traspasado todos os límites; e ignoralo non podería considerarse máis que unha imprudencia de enorme temeridade.

Se ben non se trata dun comportamento habitual, existen antecedentes de ataques do lobo a nenos, con ata cinco casos documentados en Galicia entre 1938 e 1974. É por iso que Unións Agrarias insta ao goberno galego a non ignorar o evidente risco; así como a reiteración dos danos á gandería da zona. E solicita a posta en marcha de actuacións cinexéticas inmediatas que permitan recuperar a normalidade e a seguridade ás familias da Mariña.

Unións Agrarias reitera que só unha xestión intelixente, responsable e realista das poboacións do lobo; impulsada dende o respecto á realidade do rural e dende un enfoque multidisciplinar; permitirá conxugar a conservación desta especie coa seguridade: tanto das explotacións gandeiras como das persoas que habitan o rural.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias