Santiago 21 de setembro de 2021.- Unións Agrarias denuncia que a Consellería do Medio Ambiente da Xunta de Galicia deixará de pagar os danos na gandería que provoquen os ataques do lobo. O departamento de Ánxeles Vázquez vai tomar esta medida acolléndose ao baleiro legal inmediato que provoca, segundo manifesta, a inclusión do animal no rexistro do Lespre; deixando as gandeiros nunha situación de total indefensión.
A organización agraria cualifica de intolerable a situación causada pola publicación no BOE, do cambio de status xurídico do lobo ibérico, toda vez que ven ser incluído por Orde Ministerial do MITECO, no listado LESPRE de especial protección de especies salvaxes.
Segundo a Consellería de Medio Ambiente, esta declaración produce un baleiro xurídico inmediato, que cancelarían as actuais medidas en vigor da Xunta de Galicia, para pago e indemnización de danos do lobo aos gandeiros, ata que houbera un novo marco legal que adaptase as disposicións das Comunidades Autónomas en materia de xestión e indemnización dos danos do lobo, ao novo réxime de protección do lobo que pon en marcha a súa inclusión no LESPRE. Unións Agrarias viña advertindo que isto podería pasar, deixando aos gandeiros galegos abandonados fronte aos danos do lobo, que superan anualmente o millón de euros na nosa Comunidade Autónoma con tendencia crecente cada ano, polo que tiña que estar previsto.
Unións Agrarias insta ao MITECO e a Xunta de Galicia, a que deixen de xogar ao frontón político cos intereses dos gandeiros, e resolvan de inmediato todas as dúbidas legais que poida xerar a entrada en vigor do cambio de réxime xurídico de protección do lobo, e poñan en marcha no prazo máximo dun mes, a renovación das liñas de axudas polos ataques do lobo ao gando. Asemade as disposicións que clarifiquen en que casos sería posible a caza deste depredador, que con criterios científicos e técnicos, segue a ser fundamental para garantir a convivencia da actividade gandeira e a conservación da especie.
Esta modificación legal na práctica crea inseguridade xurídica, impide usar a caza deste depredador como ferramenta de xestión das súas poboacións, e como instrumento eficaz para resolver casos puntuais de alarma social, cando ameaza á seguridade das persoas do rural, e supón un paso máis na criminalización do gandeiro, que si ten un ataque na súa cabana gandeira, pasa a ser culpable mentres non demostre que tiña en marcha todo tipo de medidas irreais de protección do gando.
Culmínase así unha tramitación irresponsable e innecesaria dunha modificación legal, que non tivo en conta a opinión do sector gandeiro, nin a oposición das 3 Comunidades Autónomas de diverso signo político que albergan o 95% dos lobos de España, como son Galicia, Asturias e Castela León. Que se fixo con evidente mala fe, ao adiar a realización do censo do lobo ata ter declarado o cambio de réxime de protección, xa que os instigadores desta reforma saben perfectamente que os censos van reflexar un aumento das poboacións do lobo nos últimos anos, o que faría innecesario tratar ao lobo como unha especie ameazada ou en risco, cando non o é na maior parte de España, e menos en Galicia que conta con máis lobos que toda Francia ou toda Escandinavia, e zonas como a Mariña coa maior densidade de lobos do planeta, segundo recente estudio do IBADER da USC.
Unións Agrarias reitera o compromiso das mulleres e homes do rural galego na conservación das poboacións de lobo para as xeracións futuras. Pero quere trasladar á sociedade que esto non vai ser posible sen un marco que garanta a convivencia da actividade gandeira coas poboacións de lobo, sendo asemade fundamental a solidariedade da sociedade á hora de compensar as perdas que este depredador produce no gando, e tendo que existir medidas de control para os casos de ataques reiterados as explotacións e situacións de risco para a seguridade das persoas no rural.