UNIÓNS AGRARIAS INICIA CONTACTOS COS MATADOIROS PARA IMPULSAR CONTRATOS TRANSPARENTES E PREZOS XUSTOS PARA A CARNE

A organización comprométese ante uns 300 gandeiros en Pedrafita a continuar dando a batalla para reflotar un sector en serio risco de viabilidade

Pedrafita do Cebreiro, 24 de setembro de 2021.– Unións Agrarias continuará dando a batalla para que os produtores de carne de vacún galegos perciban por fin prezos que permitan garantir a sustentabilidade e o futuro das explotacións. Foi o compromiso que o secretario xeral da organización, Roberto García, deixou na Xornada sobre “Xestión Ambiental de Explotacións de Vacún de Carne” celebrada este venres en Pedrafita do Cebreiro. Un encontro no que participaron arredor de 300 gandeiros da provincia de Lugo; ante os que Roberto García anunciou o próximo inicio de negociacións cos matadoiros para impulsar contratos transparentes e un reparto máis equitativo e xusto do prezo da carne entre os distintos elos da cadea alimentaria.

Nos últimos 17 anos o prezo que os gandeiros galegos perciben pola carne que producen aumentou tan só un 12%. Pola contra, nese período o IPC experimentou un incremento do 33% e os custos de produción das explotacións subiron un 38%. Un cóctel que pon en alto risco a viabilidade económica dunhas explotacións que non só producen carnes de primeira calidade baixo estritos parámetros de benestar animal; senón que tamén desempeñan un papel indispensable dende o punto de vista da xestión do territorio, a loita contra o abandono e os incendios forestais.

Tal e como destaca a organización agraria, o contexto actual representa unha combinación “mortal” para os produtores de carne de vacún galegos. Á que se une a nova ameaza que supón a guerra aberta entre o goberno central e a Xunta de Galicia en relación á cancelación do pago das axudas para danos do lobo. Nese senso, Unións Agrarias anuncia que porá desde xa os servizos xurídicos da organización a disposición de todos os gandeiros afectados para facilitarlles a reclamación da correspondente responsabilidade patrimonial ante a administración autonómica:; e garantirlles unha compensación acorde aos prezos actuais de mercado que teña en conta tamén o lucro cesante.

A organización destacou ademais a importancia de que o papel estratéxico que a gandería tradicional en extensivo xoga dende o punto de vista medioambiental sexa tido en conta no deseño da nova PAC. Unha ferramenta que a día de hoxe é se cabe máis importante aínda para a sustentabilidade das 11.000 explotacións profesionais galegas; que, segundo todos os indicadores, nos vindeiros meses deberán seguir enfrontando novas subas dos seus custos de produción.

As xornadas de hoxe permitiron reafirmar a necesidade de cambios para o sector de vacún de carne a favor da cal Unións Agrarias leva xa tempo traballando. Un esforzo que a organización reforzará nas vindeiras semanas co obxectivo de acadar unha maior profesionalización, estabilidade e claridade nas relacións entre produtores, matadoiros e distribución.

A organización lembra que, a día de hoxe, a venda a perdas é unha realidade xeralizada no sector. Unha realidade que, paradoxicamente, a Lei da Cadea Alimentaria prohibe de maneira explícita. Polo que a organización asevera o seu compromiso na loita por impulsar cambios inmediatos. E apela á responsabilidade das administracións para facer cumprir a lei sen demora; frear campañas de desprestixio como as impulsadas nos últimos meses; e poñer en valor a realidade dunha actividade tradicional, sustentable e comprometida coa preservación dos recursos naturais.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias