UUAA RECLAMARÁ OS DANOS DO LOBO Á ADMINISTRACIÓN POR VÍA XUDICIAL

A responsabilidade patrimonial está avalada en sentencias firmes do Tribunal Supremo

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2021.- Unións Agrarias reclamará por vía xudicial á Xunta de Galicia, en concepto de responsabilidade patrimonial, os danos que produza o lobo na cabana gandeira galega; dado que a súa inclusión no LESPRE por decisión ministerial aumenta o nivel de protección desta especie e deixa indefensos aos gandeiros. A organización agraria toma esta decisión unha vez que a Consellería de Medio Ambiente anunciou a cancelación da Orde de axudas por ataques do lobo ao gando, alegando que o cambio de status xurídico desta especie trala aumento do seu nivel de protección impulsado polo goberno central fai inviable legalmente a continuidade da partida orzamentaria destinada a tal fin.

A declaración do lobo como especie protexida no catálogo LESPRE parece que colleu de sorpresa á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Medio Ambiente, xa que en dous anos de negociacións non foron quen de poñerse de acordo sobre que pasaría coa xestión do lobo no momento da súa inclusión no catálogo. Non tendo acordado nin quen exercería as competencias a partires dese momento, nin cal das dúas administracións sería responsable do pago dos danos.

A vítima de todo este proceso e de toda esta incompetencia é o gandeiro que sofre no seu patrimonio o custo de manter ao lobo, xa que se estima que cando menos un terzo da dieta dos citados cánidos procede do gando doméstico que mata nas explotacións. Así as cousas, a organización agraria toma a iniciativa de poñerse a disposición dos afectados polos ataques do lobo para tramitar a pertinente reclamación xudicial dos danos en concepto de responsabilidade patrimonial á Xunta de Galicia. Posto que segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo con varias sentencias firmes en casos que se deron tanto en Madrid como en Castela e León, é a Comunidade Autónoma quen ten as competencias en xestión de medio ambiente e conservación da natureza.

UUAA procura ofrecer unha alternativa aos gandeiros para que poidan ser indemnizados pola morte das súas cabezas de gando ata o momento no que o de departamento de Ánxeles Vázquez reconsidere a súa postura e volva a habilitar de forma urxente unha liña de axudas que cubra os danos do lobo. Hai que lembrar que en Galicia prodúcense unhas 3.000 baixas de cabezas de gando ao ano por importe superior a 1 millón de euros por causa destes ataques. Das cales foron cursadas denuncias sobre unhas 2.300 baixas por un importe duns 650.000 euros. Esta cantidade é a que viñan cubrindo as axudas da Xunta, se ben con moitas queixas e problemas de funcionamento; como prezos das reses inferiores aos de mercado e prolongados prazos de espera para o cobro, moitas veces superiores a un ano.

Unións Agrarias lembra que o lobo non está en perigo de extinción en Galicia, que conta cunha poboación superior por exemplo á de toda Francia ou Escandinavia. Asemade, reitera que ninguén no rural galego avoga pola persecución deste animal nin polo seu exterminio; senón por medidas realistas de xestión que permitan asegurar á convivencia de poboacións abundantes de lobos coa gandería e a produción de carne de calidade en extensivo. Sendo preciso para elo implementar fórmulas nas que sexa o conxunto da sociedade quen solidariamente corra cos gastos e o custo da conservación destes animais.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias