Gandería e veciñanza da Mariña demandan en Viveiro unha xestión do lobo segura e economicamente dotada

Máis de 300 persoas participaron na mobilización convocada por Unións Agrarias

Máis de 300 persoas participaron no acto de protesta convocado por Unións Agrarias esta mañá ás portas da Xefatura Territorial da Xunta en Viveiro. Gandeiros e veciñanza secundaron unha mobilización coa que a organización agraria quixo evidenciar o fondo malestar existente en relación á xestión do lobo. Unha problemática que a veciñanza dos municipios da Mariña Lucense está a padecer de maneira moi especial. E ante a que UUAA demanda compromiso político e responsabilidade.

A protección da fauna salvaxe non pode pasar por enriba da protección da poboación que convive con ela. Así o entende UUAA, que insta ás administracións a deixar a un lado guerras políticas e a actuar coa altura de miras que a cidadanía merece.

Os ataques do lobo levan meses sendo unha constante nos concellos da Mariña. Unha frecuencia que se ve agravada pola actitude cada vez máis destemida destes animais salvaxes; que están a matar gando e animais de compaña ás portas mesmas das vivendas, sen temor algún pola proximidade das persoas.

UUAA lembra que a caza do lobo non era unha realidade en Galicia xa antes da súa inclusión no LESPRE, pois hai anos que na nosa Comunidade non é abatido un só exemplar. Porén, a organización entende que o aumento do nivel de protección desta especie debe ir acompañado dun plan de xestión realista; que teña en conta ás persoas que conviven a diario con ela e que contemple medidas cinexéticas acordes á potencialidade do risco ou á reiteración dos ataques que permitan, cando menos, afastar as mandas dos núcleos poboados en casos de especial perigosidade como o que afecta á Mariña.

Unións Agrarias lembra que en Galicia, cun censo de lobos superior ao de países como Francia ou ao total de Escandinavia, a gandería está a supoñer aproximadamente o 30% da alimentación do lobo. Nese senso, a organización bota a vista atrás para lembrar unhas reivindicacións que viñan de vello; pois o sistema de indemnización deses danos presentaba fondas deficiencias xa antes da inclusión do cánido no Listado de Especies de Especial Protección. Nese senso, Unións destaca que xa antes dese cambio de status os gandeiros afectados por ataques atopaban moitísimos atrancos para poder acceder á correspondente compensación económica. Compensación por outra banda insuficiente, pois as valoracións das reses que a Xunta de Galicia viña realizando atopábanse moi afastadas do seu valor real de mercado e non contemplaban o lucro cesante; ademais de tardar un tempo excesivo en resolverse a en ser abonadas.

Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta e Ministerio a deixar de lado disputas que están a supoñer un serio perxuízo para a poboación rural e para as gandeiras e gandeiros. E lembra que tanto a xestión da fauna salvaxe como a responsabilidade patrimonial derivada dos ataques da mesma segue a ser responsabilidade da Comunidade Autónoma. Así as cousas, reivindica un cambio de actitude do goberno autonómico, que ven de anunciar a cancelación das axudas para pago de danos. E anímao a impolsar as negociacións co executivo central que considere oportunortunas para poñer en marcha canto antes un novo plan de xestión acorde ás necesidades de conservación da especie e aos problemas de gandería e veciñanza.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias