UNIÓNS AGRARIAS DEMANDA MEDIDAS ANTE O AUMENTO DA PRESIÓN DO LOBO NAS COMARCAS DE FERROLTERRA E ORTEGAL

Nos últimos meses os ataques a gando e mesmo cans incrementáronse notablemente

Ortigueira, 5 de outubro de 2021.– Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar ante o aumento da presión que o lobo está a exercer sobre a gandería das comarcas de Ferrolterra e Ortegal. Nos últimos meses os ataques a reses e rabaños teñen aumentado moi considerablemente de intensidade e frecuencia, elevando a alarma entre as explotacións da zona. Só dende a fin da pasada semana téñense contabilizado catro novos episodios, o último deles hoxe mesmo; que causaron a baixa de sete ovellas e dous becerros; e deixaron tres tenreiros máis feridos.

Unións Agrarias insta á administración autonómica a deixar de lado guerras partidistas que unicamente repercuten en prexuízo do rural galego e a facerse cargo canto antes do pago dos danos do lobo á gandería. Nos últimos meses os ataques do cánido no norte da provincia da Coruña, ao igual que na zona da Mariña Lucense, téñense feito máis habituais. Polo que a organización agraria pídelle á Xunta que non se enroque en disputas estériles co goberno central e que reactive canto antes o plan autonómico de xestión do lobo. Algo que por outra banda, e independentemente do grao de protección desta especie, segue a ser responsabilidade do executivo autonómico.

Dende o remate do ano pasado os ataques do lobo á gandería teñen aumentado alarmantemente na contorna da Costa Ártabra. Só nos concellos de Ortigueira, Mañón, Cedeira e Moeche a organización agraria ten contabilizados 38 nestes últimos meses, con 50 reses implicadas; principalmente bovinas, pero tamén equinas e ovinas. Ademais dalgún ataque a cans domésticos.

Unións Agrarias alerta da ameaza que esta situación implica para a gandería en extensivo da zona. Tanto para a dedicada á produción de carne como para a equina. Un sector que, cabe lembrar, atravesa xa unha máis que delicada situación a causa dos baixos prezos e a suba dos custos de produción, que están a supoñer un serio risco para a viabilidade económica das explotacións.

Cabe lembrar que a ameaza do lobo súmase aos prexuízos que o xabaril tamén causa nos nesta zona, con danos contabilizados nunhas 250 hectáreas de pradeira e cultivos de millo ou pataca.

Unións Agrarias reitera que só unha xestión intelixente das poboacións do lobo; impulsada dende o respecto á realidade do rural e dende un enfoque multidisciplinar; permitirá conxugar a conservación desta especie coa seguridade: tanto das explotacións gandeiras como das persoas que habitan o rural. A organización insta á Xunta de Galicia a actuar con responsabilidade e a asumir sen demora a xestión efectiva e responsable da fauna salvaxe que o rural galego precisa: tanto no caso do lobo como no do xabaril.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias