Unións Agrarias solicita a complicidade da Xunta de Galicia para impulsar un novo marco que dote de estabilidade e garantías ás relacións entre viticultores e adegas. Foi a petición que a organización lanzou hoxe, tras dar a coñecer os datos dunha vendima “histórica” na que, a pesar das excelentes condicións da colleita e da alta demanda existente, os antigos problemas do sector volveron repetirse.
Con 73 millóns de quilos de uva entregada por 10.600 viticultores e que lles suporán máis de 223 millóns de euros, a campaña que ven de rematar marca un fito no sector vitivinícola galego; que rexistrou incrementos de prezos na uva entregada tanto en Rías Baixas como no Ribeiro e, á espera de confirmación, semella que tamén en Valdeorras. Porén, a entrega de uva ás adegas sen contratos de abastecemento asinados e cun prezo fixado de maneira previa ao inicio da colleita volveu ser unha realidade xeralizada nesta campaña; coa excepción de Rías Baixas; onde esta esixencia si se cumpriu de maneira maioritaria.
“Pese a ser un ano histórico en canto ás condicións de colleita e a alta demanda existente non fomos quen de convencer ás adegas de sentar nunha mesa para negociar prezos e contratos de abastecemento de longa duración. O contrato homologado pactado a nivel estatal pola interprofesional non deixou de ser un mero desexo sen apenas aplicación práctica. O que pon de manifesto o que lle viñamos dicindo ao conselleiro: que as múltiples axudas que a Xunta destina ás adegas deben vincularse á esixencia deses contratos que aporten estabilidade ao sector. Algo que será beneficioso para os viticultores, pero tamén para as adegas”, explicou o secretario xeral de UUAA.
A organización entende que esta debe ser a última campaña na que os produtores de uva non conten coas garantías precisas. E incide na necesidade de que a Xunta de Galicia vincule a concesión de axudas públicas ao cumprimento deses requisitos. “Estamos a tempo de trasladar cara á vendima que ven dúas esixencias claras: que as axudas públicas ás adegas se condicionen á existneica de contratos homologados asinados, e que o prezo da uva sexa froito dunha negociación entre viticultores, os seus representantes e as adegas. E dado que pola vía do convencemento persoal non conseguimos ese obxectivo esiximos que se empregue a ferramenta das axudas públicas para forzar ese novo marco”.
Unións Agrarias aproveitou para loubar as modificacións que a presión exercida por esta organización dende Galicia e pola UPA a nivel estatal conseguiron introducir no texto da Lei de Cadea que neste momento enfronta o seu trámite no Senado. Nese senso, a UUAA lembra que o feito de que no futuro se teña en conta o valor da man de obra familiar e a do propio titular da explotación á hora de calcular os custos de produción é un logro da organización. “Algo que ata agora non se contemplaba, e que resultaba dramático en Galicia, cun modelo agrogandeiro baseado nas explotacións familiares”.
Asimesmo, a organización celebra tamén o veto que prohibirá ás cadeas de distribución empregar a venda a perdas como ferramenta de promoción. E a máis importante e que suporá un antes e un despois de cara á próxima vendima: que os contratos de abastecemento deberán estar rexistrados nunha instancia pública antes de que se inice a vendima.
Na xuntanza da súa Sectorial Vitivinícola celebrada este xoves Unións Agrarias acordou tamén solicitar unha “xuntanza urxente” ao conselleiro do Medio Rural. “Temos información de que se está a negociar cos Consellos Resguladores unha convocatoria electoral para marzo e estase sometendo a consulta a composición dos censos e a representación dos vogais. Información que as organización debemos coñecer e das que debemos participar. Entendemos que esa representación nos corresponde, e parece lóxico que sexamos escoitados”, indicou o secretario xeral de Unións.
Produción uva (Kg) | ||||
DO | 2020 | 2021 (Estimación) | Diferenza | % |
Monterrei | 5.710.550 | 6.200.000 | 489.450 | 8,6% |
Rías Baixas | 34.470.166 | 44.000.000 | 9.529.834 | 27,6% |
Ribeira Sacra | 5.286.118 | 6.000.000 | 713.882 | 13,5% |
Ribeiro | 9.543.745 | 9.900.000 | 356.255 | 3,7% |
Valdeorras | 5.536.204 | 7.000.000 | 1.463.796 | 26,4% |
SUMA | 60.546.783 | 73.100.000 | 12.553.217 | 20,7% |
Prezo (€/Kg) | ||||||
2020 | 2021 | 2020 / 2021 | ||||
DO | Mínimo | Máximo | Mínimo | Máximo | % Mín. | % Máx. |
Monterrei | 0,80 | 0,90 | 0,9 | 1 | 12,5% | 11,1% |
Rías Baixas | 1,30 | 1,50 | 1,8 | 2,3 | 38,5% | 53,3% |
Ribeira Sacra | 1,00 | 1,1 | 1,5 | 10,0% | ||
Ribeiro | 0,60 | 1,30 | 0,7 | 1,4 | 16,7% | 7,7% |
Valdeorras tintos | 0,71 | 0,75 | ||||
Valdeorras brancos | 0,91 | 1,00 | 1,5 | 50,0% |
31/12/2020 | ||||
DO | Superficie (Ha) | Viticultores | Ha/viticultor | Industrias |
Monterrei | 631 | 382 | 1,65 | 27 |
Rías Baixas | 4.094 | 5.131 | 0,80 | 178 |
Ribeira Sacra | 1.254 | 2.337 | 0,54 | 102 |
Ribeiro | 1.301 | 1.678 | 0,78 | 96 |
Valdeorras | 1.103 | 1.090 | 1,01 | 41 |
SUMA | 8.383 | 10.618 | 0,79 | 444 |
31/12/2020 | ||||
DO | Produción uva (Kg) | Viño cualificado (l) | Valor económico (€) | (€/l) |
Monterrei | 5.710.550 | 3.599.650 | 17.062.341 | 4,74 |
Rías Baixas | 34.470.166 | 24.029.600 | 132.162.811 | 5,50 |
Ribeira Sacra | 5.286.118 | 3.508.134 | 19.622.534 | 5,59 |
Ribeiro | 9.543.745 | 8.226.061 | 31.670.335 | 3,85 |
Valdeorras | 5.536.204 | 3.418.210 | 22.791.473 | 6,67 |
SUMA | 60.546.783 | 42.781.655 | 223.309.494 | 5,22 |