UUAA retoma o calendario de mobilizacións para denunciar a grave situación do sector cárnico de vacún

A próxima será fronte á Delegación de Medio Rural en Lugo o vindeiro venres 22

Unións Agrarias volverá saír á rúa para denunciar a delicada situación que atravesan as explotacións de carne de vacún galegas. Logo do acto de sensibilización celebrado hai algunhas semanas en Santiago de Compostela, a organización convoca unha concentración en Lugo para o vindeiro venres, 22 de outubro, ás 12 horas ante a Delegación do Medio Rural. O calendario de mobilizacións continuará nas vindeiras semanas con actos similares nas provincias de Ourense e da Coruña.

Unións Agrarias volve poñer o foco na grave crise que atravesan as ganderías galegas, cuxa rendabilidade se atopa contra as cordas debido á forte suba de custos e á caída dos prezos, que non se recuperaron dende o inicio da crise da covid. “Entre o que levan subido os pensos e os abonos, producir un quilo de carne é hoxe entre 50 céntimos e 1 euros máis caro, dependendo da condicións de cada explotación. Por outra banda, a baixada de liquidacións nos matadoiros sitúase nun diferencial negativo do entorno dos 40 céntimos respecto á situación prepandemia. Un contexto totalmente insoportable e inviable para as ganderías galegas tradicionais en base a vacas nodrizas”, tal e como explicou esta mañá en rolda de prensa o responsable de Explotacións Exstensivas e Ecolóxicas de UUAA.

A organización lembra que está en xogo o futuro de 11.000 ganderías tradicionais en toda Galicia, das que unhas 6.000 se atopan en Lugo. “Pequenas explotacións ubicadas nas zonas demograficamente máis sensibles e con maiores problemas de avellentamento e despoboamento, como a zona dos Ancares ou A Fonsagrada”.

UUAA lembra que cada unha destas explotacións ingresa hoxe 200 euros menos que antes da pandemia por cada becerro que vende. Algo que supón un claro incumprimento da lexislación vixente, pois segundo os datos dos que dispón a organización a venda a perdas é unha realidade xeralizada no sector. “Non se está a cumprir en ningún caso a Lei de Cadea nen sequera no que ten que ver co seu precepto máis elemental: a existencia de contratos de escritos”.

UUAA denuncia que a compravenda de animais segue a producirse sen contratos. E insta a impulsar un estudo público de custos de produción que aporte garantías e permita impulsar eses contratos estipulados por lei con garantías de que, efectivamente, os prezos neles estipulados se sitúan por enriba de custos.

Segundo o estudo interno elaborado pola organización, producir un quilo de carne custa arredor de 5,50 euros/quilo canal, mentrs que as liquidacións en ningún caso superan os 4,80. “Necesitamos poñer en marcha un observatorio de prezos público con urxencia para poder contar con referentes claros. Así como impulsar contratos homologados con prezo estipulado e superior a eses custos”.

Ademais, a organización anima a impulsar unha suba do prezo da carne que repercuta no conxunto dos elos da cadea. “0,50 euros quilo canal serían suficientes para recuperar eses 200 euros que agora perdemos e garantir que todos obteñamos ingresos suficientes”. Ademais, insta á Xunta de Galicia a reactivar a liña de axudas covid: “un flotador que axudou a paliar en parte as perdas das explotacións no primeiro ano de pandemia. E que neste momento deben retomarse, xa que a situación actual das explotacións é peor hoxe que no primeiro ano da Covid”.

UUAA considera “imprescindeible que a Consellería do Medio Rural se poña a traballar de xeito inmediato”. Así como “contar coa complicidade da industria e da distribución. É unha cuestión fundamental, unha cuestión de país. E se non hai solución seguiremos mobilizándonos”.

 

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias