UUAA reivindica en Lugo o cumprimento da Lei de Cadea no sector cárnico de vacún

A organización denuncia venda a perdas xeralizada e insta ao Ministerio e á Xunta a actuar

Máis de 500 gandeiros da provincia de Lugo secundaron esta mañá a manifestación convocada por Unións Agrarias nesa cidade para reivindicar prezos xustos para a carne galega. Durante un percorrido que partiu da Delegación da Xunta na cidade e rematou fronte á Subdelegación do Goberno os manifestantes demandaron “prezos e non desprezos” para un sector no que a Lei de Cadea Alimentaria está a incumprirse de maneira sistemática sen que ningunha administración actúe.

Os gandeiros de carne de vacún galegos afogan. A forte suba de custos dos últimos meses ten feito que a crise de prezos que xa levaban anos arrastrando, e que se fixera máis fonda durante a pandemia, se torne insustentable. Os gandeiros galegos están a vender hoxe a carne dos seus animais entre un 20 e un 25% por debaixo do que lles custa producila. Unha situación que está a poñer contra as cordas un sector fundamental: tanto dende o punto de vista socioeconómico como medioambiental e da xestión do territorio.

A gandería de vacún galega está integrada por pequenas explotacións familiares en extensivo que, ademais de producir carnes de primeira calidade baixo os máis altos parámetros de benestar animal, xogan un papel fundamental na loita contra o despoboamento, o abandono e os incendios forestais. “Estamos ante un sector que está a ser maltratado sen valorar o papel das explotacións familiares en extensivo. Explotacións que sustentan máis de 11.000 familias en Galicia e que están a vender por debaixo de custos de produción”.

Unións Agrarias reclama axudas á renda, o anticipo da PAC e un pago dos danos do lobo áxil e acorde ao valor de mercado do gando afectado e ao lucro cesante provocado. Pero “máis que subvencións o que os gandeiros queren é que lles paguen polo seu produto o que realmente vale. Non pode ser que a carne que sae dunha explotación apenas a 4,50 €/quilo chegue ao consumidor cun prezo un 300% superior, que queda na man de quen nada aporta á cadea de produción”. Nese senso, a organización reivindica un reparto xusto e equitativo dos beneficios xerados pola produción cárnica que garanta a viabilidade e o futuro das ganderías. E insta ao Ministerio de Agricultura a tomar cartas no asunto e abandonar a permisividade contra quen incumpre a lei e pasa por enriba dos dereitos dos produtores. Ademais, reivindica a implicación da Xunta de Galicia para poñer en marcha canto antes un observatorio público que elabore un estudo de custo adaptado á realidade das explotacións galegas; e que poida servir de referencia á hora de garantir o cumprimento da lexislación e desterrar a venda a perdas do sector.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias