UUAA LANZA MOBILIZACIÓNS POLO BLOQUEO DOS PREZOS NO LEITE EN ORIXE

O obstrucionismo de Larsa e Lactalis desarma aos produtores ante a suba de custos

Santiago 22 de outubro.- A organización Unións Agrarias iniciará unha campaña de mobilizacións o vindeiro día 11 de novembro para denunciar a actitude intolerable de empresas como Larsa e Lactalis, que someten a un bloqueo os prezos do leite en orixe a pesar da brutal suba dos custos de produción que están a sufrir as explotacións.

Desde UUAA apúntase a estas dúas firmas como principais instigadoras para forzar á baixa as cotizacións lácteas a pesar da grande rendibilidade que están a obter; tanto pola comercialización de produtos industriais como pola recuperación dos prezos de venda ao público que a distribución está imprimindo ao leite e derivados lácteos logo das mesas de diálogo abertas por Unións Agrarias coas grandes superficies.

As concentracións, que terán lugar nas plantas industriais de Lactalis en Vilalba e de Larsa en Outeiro de Rei, supoñen un primeiro chanzo na escalada dun calendario de actuacións cada vez máis contundente para reverter unha situación na que os gandeiros de leite, segundo o Estudo da cadea de valor do leite do Ministerio de Agricultura, están a pagar un 20,45% máis pola alimentación das vacas e un 22,45% máis pola enerxía e o combustible.

Esta situación dá como resultado, e sempre de acordo cos datos oficiais, que se de media este ano unha granxa cobrou polo leite 32,73 céntimos/l, tivo que pagar 39 cts/l para poder producilo e manter a actividade. Unha situación que se suma ao diferencial que as explotacións galegas xa mantiñan respecto ás do resto do estado; con prezos por debaixo da media e ata 3 céntimos inferiores aos que perciben os gandeiros doutras Comunidades, como a veciña Asturias.

No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi case 1 céntimo menor que a media nacional. Unha cifra que xa sitúa ás granxas da nosa Comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción. Hai que lembrar que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal. Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias