UUAA QUERE MOTIVAR UNHA REFLEXIÓN SOBRE O APORTE DE VALOR REAL AO RURAL DO SECTOR EÓLICO

A organización a través das súas sectoriais ten avanzado na alegación á nova normativa

Santiago, 25 de outubro de 2021.- Unións Agrarias a través das súas distintas sectoriais está motivando unha reflexión sobre a importancia de modular a nova normativa en materia eólica para favorecer o aporte de valor ao medio rural galego. Neste calendario de encontros con distintos organismos e administracións, este luns 25 de outubro participa o presidente da Deputación de A Coruña, Valentín Formoso.

UUAA ten presentado alegacións á Lei de Medidas Administrativas da Xunta de Galicia e á súa homóloga de carácter estatal; que relaxan as garantías e os prazos esixidos na tramitación de parques eólicos. Estas leis obvian a necesidade de construír ese novo marco de relacións preciso para que a enerxía eólica poida ser unha peza do desenvolvemento rural. E únicamente pretenden facilitar a tramitación administrativa ás empresas promotoras de parques.

Para a organización agraria precísanse medidas que modifiquen o marco normativo actual. Que promovan o desenvolvemento rural esixindo para a aprobación dos novos parques fórmulas de compensacións que contribúan á mellora da calidade de vida das áreas rurais nas que se implantan. Á vez que garantan rendas xustas para propietarios e Comunidades de Montes dos terreos ocupados.

O rural de Galicia acolle na actualidade unha potencia eólica instalada superior aos 4.000 MW, equivalente xa a unhas catro centrais nucleares. O que supón un volume de xeración de electricidade renovable anual duns 10.000.000 MWxhora e unha facturación anual non inferior aos 610 millóns de euros. En Galicia hai instalados máis de 186 parques eólicos que ocupan unhas 7.000 ha de montes e terras agrarias, ademais dos miles de quilómetros de liñas eléctricas precisas para interconectalos cos centros de transformación e os nodos de conexión a Red Eléctrica.

Está previsto que seguindo as directrices da Unión Europea sobre descarbonación das fontes de xeración de enerxía eléctrica (que marcan fitos do 30% para o ano 2030 e o 100% para o ano 2050) se multipliquen as instalación de enerxía renovable para acadar os obxectivos sinalados. Sendo así que en Galicia está previsto o desenvolvemento dunha potencia eólica adicional de alomenos 4.800 MW nos próximos 5 anos.

Ata o de agora esta actividade, que precisa dos espazos do rural e dos seus recursos naturais para desenvolverse, apenas ten suposto transferencias de renda cara ás zonas onde se ubican as súas instalacións. De feito a propia EGA, Asociación Eólica de Galicia, estima unhas transferencias en forma de pago de alugueiros aos propietarios dos terreos eólicos duns 11 millóns de euros ao ano; que suporían apenas un 1,81% da facturación dos parques e apenas uns 1.571 euros por hectárea ocupada en concepto de pago anual.

Nos últimos anos o desenvolvemento dos parques eólicos apenas ten xerado desenvolvemento rural en Galicia debido á falta dun marco normativo axeitado. Que permitira poñer en marcha fórmulas de compensacións para a mellora de vida dos habitantes das zonas rurais onde se implantan os parques. E que garanta ademais unhas rendas xustas para os propietarios da terra e as comunidades de montes pola ocupación dos seus terreos; calculadas non polo valor rústico dos mesmos, senón pola súa capacidade de xerar enerxía debido ás condicións naturais dunhas ubicacións onde o vento sopra con determinada potencia un número de horas suficientes ao ano.

DECÁLOGO DE UNIÓNS AGRARIAS-UPA PARA A INTEGRACIÓN DE NOVOS PROXECTOS DE ENERXÍA EÓLICA NO RURAL GALEGO

Sistema de autorización de novos parques baseado nun modelo de concurso administrativo que troque ao actual procedemento mediante poxa. A fin de introducir nos procedementos de autorización das solicitudes de novos proxectos compensacións como investimentos industriais ou compromisos de creación de postos de traballo de base rural.

Prohibición da instalación de parques en terras agrarias de calidade. A fin de preservar a SAU das explotacións galegas e reducir o impacto medioambiental.

Valoración nos concursos de adxudicación de potencia eólica de iniciativas sociais compensatorias para os habitantes rurais non directamente titulares dos terreos nos que se implantará o parque. Trátase de compensar os impactos da instalación ao conxunto dos habitantes das comunidades rurais, non unicamente aos propietarios dos terreos afectados.

Valoración dos terreos nos que se instalen parques en función da súa capacidade de xerar enerxía en vez de segundo o seu valor rústico. Búscase así unha xusta compensación económica acorde á actividade e aos beneficios que xerará a expropiación; que pouco teñen que ver co valor das producións agropecuarias.

Compensacións económicas para todos os propietarios de terreos que sexan afectados pola recalificación urbanística derivada da instalación e afección dos novos parques. É necesario superar a situación actual na que se impoñen restricións a propietarios que non se lles compensan economicamente, como a imposibilidade de aproveitamento forestal nas áreas de recalificación.

Obriga das empresas eólicas de presentar un mínimo de contratos voluntarios cos propietarios afectados que supoñan alomenos o 75% da superficie precisa para a instalación do parque. De xeito que non se conceda a Utilidade Pública dos Proxectos Eólicos sen un alto consenso entre os propietarios afectados. O que impediría o abuso da medida de expropiación, a cal está a limitar excesivamente a capacidade de negociación dos propietarios afectados.

Primar proxectos que leven no seu accionariado partenariado do medio rural. Na valoración dos procedementos de autorización dos parques eólicos debera primarse a presenza de Cooperativas agrogandeiras ou forestais, Comunidades de Montes, e Concellos rurais.

Primar propostas de xeración distribuída e acordos de PPA´s con empresas de ubicación no territorio rural. Dese xeito reforzaríase a competitividade, a sustentabilidade e diminuiría a pegada de carbono.

Nova regulación de distancias dos parques eólicos a núcleos rurais e vivendas e instalación illadas. A regulación actual atópase obsoleta e é necesario reformulala de xeito obxectivo, tendo en conta a altura dos novos aparellos e a súa capacidade de producir impactos sonoros e electromagnéticos.

Creación dun Observatorio de Enerxía Eólica galego que complemente ao recén creado para a enerxía eólica mariña. Precisamos dun organismo que facilite información e transparencia ás propostas, contratos e prezos das empresas eólicas aos afectados polos procedementos de instalación de parques eólicos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias