SOSGandería: decálogo de peticións de UUAA á Xunta e ao Ministerio

A organización diríxese por escrito ás administracións central e autonómica para solicitar medidas que palíen a fonda crise que atravesa o sector cárnico de vacún

O sector produtor de vacún de carne en Galicia está pasando unha das peores crises das últimas décadas. A tímida recuperación das cotizacións logo do afundimento de prezos derivado da crise da COVID-19 non é suficiente para absorber o forte incremento dos custos de produción e isto súmase a unha traxectoria na que a supervivencia das explotacións vén dependendo maioritariamente das subvencións percibidas.

Os danos da fauna salvaxe ao gando e aos cultivos das explotacións gandeiras de Galicia ameazan a súa continuidade que é o medio de vida de máis de 25.000 familias do rural de Galicia.

Desde a nosa organización iniciamos unha campaña de mobilizacións para denunciar a desesperación destas familias que ven como diariamente o seu medio de vida está sendo ameazado pola situación do mercado, polos atrancos que atopa nas Administracións e pola campaña de desprestixio contra a carne e á actividade gandeira por parte de determinados grupos de interese.

As reivindicacións do sector son múltiples e competencia de administracións de distintos ámbitos. É preciso acometer actuacións encamiñadas a incrementar a renda das explotacións e a mellorar a comercialización da carne:

Polo dito, INSTAMOS:

Á Consellería do Medio Rural, no ámbito das súas competencias a que tome as seguintes medidas:

  • Realización canto antes da transferencia dos anticipos das axudas da PAC solicitadas na campaña 2021 e ata o límite máximo autorizado pola Comisión Europea.
  • Convocatoria urxente dunha axuda excepcional para a continuidade do sector de vacún de carne.
  • Incremento da porcentaxe da subvención asumido pola Xunta de Galicia nas axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia ata o límite permitido.
  • Posta en marcha dun plan específico de dimensionamento das explotacións de vacún de carne no marco do novo período de programación de axudas de desenvolvemento rural 2023-2027.
  • Implementación da lonxa de gando dixital como ferramenta que dote de transparencia a venda do gando.
  • Creación dun observatorio de prezos para o cálculo de custos de produción axeitados á realidade produtiva de Galicia.

Á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no ámbito das súas competencias a que tome as seguintes medidas:

  • Control da poboación de fauna salvaxe, de maneira urxente, nas zonas nas que o nivel alcanzado ameaza a gandería extensiva.
  • Convocatoria de axudas de prevención e indemnización de danos cunha dotación orzamentaria axeitada, de acordo cunha valoración xusta que teña en conta o prezo de mercado e o lucro cesante e de áxil tramitación e percepción da axuda.

Ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a que, no ámbito das súas competencias a que tome as seguintes medidas:

Primeira: No ámbito da Lei 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria:

  • Creación dun rexistro oficial de contratos alimentarios no que obrigatoriamente se inscriban os contratos antes da entrega do produto obxecto do mesmo.
  • Incremento das actuacións de control e inspección do cumprimento da Lei da Cadea. Actuando con contundencia e impoñendo as sancións e dando publicidade das mesmas nos casos nos que os prezos pagados se sitúen por debaixo dos custos de produción.

Segunda: No relativo ao Proxecto de Real Decreto polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas:

  • Revisión do texto sometido a participación pública e redacción dun novo que recolla a realidade y diversidade do sector nos diferentes territorios á hora de establecer os requisitos que deben cumprir as explotacións.
  • A entrada en vigor das esixencias do futuro Real Decreto de ordenación debe estar acompañada por una liña de axudas suficientemente dotada.

Terceira: En canto aos seguros agrarios:

  • Incremento da porcentaxe de subvención asumida pola Entidade Estatal de Seguros Agrarios nas axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia ata o límite permitido.
  • Actualización dos baremos de valoración para a indemnización de danos en caso de sinistro de maneira que se axusten á realidade do mercado.

Cuarta: Referido á problemática existente en realción á convivencia lobo-gandería, que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación se dirixa ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para que:

  • Retire o lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE).
  • Realice unha actualización periódica do censo da especie.
  • Se coordine coas Administracións Autonómicas para o pago aos titulares de explotacións polos danos ocasionados polo lobo ao gando.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias