Santiago 2 de novembro.- Unións Agrarias manterá a presión sobre as empresas lácteas que están mantendo bloqueada a posibilidade dunha suba do prezo do leite en orixe. Para acadar estes obxectivos UUAA mobilizarase o vindeiro día 11 diante de Lactalis e o 16 diante de Larsa para denunciar a actitude intolerable destas dúas empresas; que están fomentando baixas nas cotizacións lácteas a pesar dos brutais custos de produción que están a sufrir as explotacións.
A organización entende que non cabe outra estratexia que a mobilización e presión, tras lograr que a distribución incremente o prezo de venda ao público e que logo esa suba non se traslade aos gandeiros. Neste marco non cabe a politización desta crise cuxos culpables son moi concretos, como se pretende desde algunha asociación minoritaria; que está a actuar cun afán de protagonismo estéril que só vai valer para desenfocar os obxectivos sectoriais.
Desde UUAA apuntase que Larsa e Lactalis son as principais instigadoras para forzar á baixa as cotizacións lácteas a pesar da grande rendibilidade que están a obter debido á suba das cotizacións dos produtos industriais rexistradas nos últimos meses. As concentracións que terán lugar nas plantas industriais de Lactalis en Vilalba e de Larsa en Outeiro de Rei, supoñen un primeiro chanzo na escalada dun calendario de actuacións cada vez máis contundente para reverter unha situación na que os gandeiros de leite, segundo o Estudo da cadea de valor do leite do Ministerio de Agricultura, están a pagar un 20,45% máis pola alimentación das vacas e un 22,45% máis pola enerxía e o combustible. Esta situación dá como resultado que se de media este ano unha granxa cobrou polo leite 32,73 cts/l, resulta practicamente imposible poder manter a actividade.
No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi case 1 céntimo menor que a media nacional. Unha cifra que xa sitúa ás granxas da nosa Comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción. Hai que lembrar que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal. Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media.