UUAA INSTA A LARSA A DEIXAR DE FALSEAR A REALIDADE E ACOMETER UNHA SUBA DO PREZO DO LEITE ACORDE AO AUMENTO DOS CUSTOS DAS GRANXAS

A organización reitera o aumento dos beneficios da industria e reafirma o seu calendario de mobilizacións

Santiago, 4 de novembro de 2021.– Unións Agrarias lamenta o intento de Larsa de falsear a realidade acerca dos prezos que paga aos gandeiros aos que recolle leite e insta á industria a acometer canto antes a suba precisa para garantir a rendabilidade e o futuro do sector en Galicia e cumprir co que estipula a Lei de Cadea Alimentaria. A organización lembra que, pese a ser unha das industrias de referencia no lácteo galego; Larsa igual que Lactalis está a incumprir a súa obriga de pagar ás granxas coas que traballa por enriba de custos de produción. E reitera o calendario de mobilizacións previsto ante as plantas de ambas firmas os vindeiros días 11 e 16 deste mes.

Unións Agrarias condena o intento de Larsa de tentar branquear a súa imaxe valéndose dunha manipulación dos datos. A organización explica que os 2,5 céntimos por litro que esta industria destaca ter subido dende xaneiro aos gandeiros cos que traballa correspóndense ao modelo de formación do prezo recollido nos contratos en vigor; que estipulan que o 30% do prezos que perciben as granxas calcularase en función da evolución das cotizacións dos produtos industriais.

UUAA lembra que o aumento das cotizacións de derivados lácteos como a manteiga, o leite en pó, o soro ou o queixo rexistrado nos últimos meses ten suposto un importante aumento dos beneficios das industrias. Un aumento que, no caso de Larsa, se sitúa nos 9,5 céntimos por litro de leite; dos que esta firma únicamente tería trasladado 2,5 aos produtores.

O intento de blanqueo de imaxe de Larsa ven respaldar o argumentario de Unións Agrarias; pois ao aludir a esta suba do prezo do leite nos contratos en vigor a industria unicamente está recoñecendo o aumento dos seus propios ingresos.

O aumento das cotizacións dos derivados lácteos non é o único factor que ten aumentado a conta de beneficios das industrias lácteas; pois a iniciativa da distribución para revalorizar o leite a través dunha suba do PVP adoptada nos últimos meses tamén está a supoñer un incremento dos ingresos que perciben Larsa e as demais industrias que operan en Galicia. Algo que acontece mentres as granxas afogan a consecuencia do forte aumento dos seus custos de produción; que este ano eleváronse un 11% a raíz das subas de insumos como os cereais, a electricidade ou o gasóleo. Un incremento que se prevé continuará nos vindeiros meses.

UUAA lembra que a Lei de Cadea establece claramente no seu artigo 12 que “co fin de evitar a destrución do valor na cadea alimentaria, cada operador da mesma deberá pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción”. Algo que neste momento non está a acontecer no sector lácteo.

A organización agraria condena a actitude de Larsa e fai un chamamento para que esta, igual que o conxunto das industrias que operan na Comunidade, cumpran dunha vez co que marca a lei e deixen de forzar aos produtores cos que traballan a vender a perdas. Nese senso, lembra que os contratos de recollida do leite en vigor foron asinados no pasado mes de abril; nun momento no que os custos de produción das granxas eran moi inferiores aos actuais. Polo que, co obxectivo de cumprir a lexislación vixente, a actualización dos prezos contemplados nos mesmos non pode demorar un minuto máis.

Nese senso, e en vista da resistencia de Larsa e Lactalis a cumprir coas súas obrigas; UUAA impulsará unha campaña para que os produtores tomen a iniciativa e, por primeira vez na historia, sexan os gandeiros quen emitan ás industrias a factura correspondente ao seu aumento de custos.

A organización agraria fai un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas para o xoves 11 ante a planta de Lactalis en Vilalba e o martes 16 ás portas de Larsa en Outeiro de Rei. Dúas firmas que a pesar de estar dirixidas polo presidente da INLAC e polo da FENIL, respectivamente, están a vulnerar a lexislación vixente e resístense a cumprir coa súa obriga de actualizar prezos e garantir a rendabilidade das explotacións coas que traballan.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias