UUAA reclama en Ortigueira o cumprimento da Lei de Cadea no sector cárnico de vacún

Gandeiros de Ortegal secundaron a convocatoria da organización

Gandeiras e gandeiros da comarca de Ortegal congregáronse esta mañá en Ortigueira para denunciar a grave crise de rendabilidade que atravesan e demandar o cumprimento da Lei de Cadea no sector cárnico de vacún. Os produtores secundaron unha convocatoria que partiu da Praza Isabel II e percorreu as rúas do centro da vila ata as portas da oficina de extensión agraria; onde Unións Agrarias fixo entrega das súas reivindicacións á Xunta de Galicia e ao Goberno central; así como das sinaturas recollidas nos últimos meses para esixir que a administración autonómica cubra a praza de veterinario na localidade.

Unións Agrarias continuou este venres co calendario de mobilizacións iniciado semanas atrás para denunciar a situación que atravesan as explotacións de carne de vacún galegas. Á caída dos prezos en orixe motivada pola covid, que segue sen recuperarse, as ganderías galegas suman agora a forte suba dos seus custos de produción. Un combo que supón que as gandeiras e gandeiros galegos ingresen hoxe 200 euros menos por cada becerro que venden dos que percibían antes da pandemia.

Só no que vai de ano as explotacións da provincia da Coruña deixaron de ingresar máis de 5 millóns de euros a causa da caída dos prezos e a suba dos custos. Así as cousas, UUAA volveu demandar hoxe a implicación da Xunta de Galicia para poñer en marcha un observatorio público que elabore custos de produción adaptados á realidade das explotacións galegas, que sirvan de referencia á hora de facer cumprir a Lei de Cadea Alimentaria. Segundo as estimacións da organización, producir un quilo de carne custa arredor de 5,4 euros sen ter en conta man de obra. Unha cifra ata un 25% superior á que están a percibir os gandeiros galegos pola venda desa mesma carne. Asimesmo, Unións reivindicou a necesidade dun cambio no marco de relacións entre gandeiros e matadoiros e o emprego de contratos de abastecemento por escrito, tal e como marca a lexislación vixente.

Como xa fixera en Lugo, a organización volveu facer entrega este venres das súas demandas por escrito á Xunta de Galicia e ao Goberno central. Administracións ás que tamén solicita unha xestión efectiva e realista da fauna salvaxe; máis concretamente do lobo; que garanta a seguridade da poboación que convive con esta especie e a supervivencia da actividade gandeira. Nese senso, UUAA esixe non só a reactivación da liña de axudas públicas para cobertura dos ataques ao gando; senón tamén unha actualización duns baremos totalmente desfasados, de xeito que se contemple non só o valor real de mercado dos animais atacados senón tamén o lucro cesante provocado ás explotacións afectadas.

UUAA tamén aproveitou a convocatoria de hoxe para facer entrega na oficina agraria da localidade das sinaturas recollidas nos últimos meses para denunciar a non cobertura da praza de veterinario. A organización considera inaceptable que, xa pasada a pandemia, a Xunta de Galicia se resista a restablecer un servizo esencial para as gandeiras e gandeiros da comarca e condene ás explotacións da zona a un trato discriminatorio inaceptable.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias