UUAA denuncia a intolerable actitude de Lactalis e Larsa e insta a estas industrias a cumprir coa lei

A organización condena o intento de extorsión de Lactalis aos produtores e inicia mobilizacións este xoves

 

Unións Agrarias inicia estes xoves, día 11, un calendario de mobilizacións para denunciar a intolerable actitude das principais industrias lácteas que operan en Galicia e que, a pesar de levar meses vendo aumentar os seus ingresos, se resisten a cumprir coa lei e a trasladar aos produtores un incremento do prezo do leite que lles permita afrontar a forte suba dos custos de produción que leva meses afogando ás granxas.

Unións Agrarias fai un chamamento á participación do conxunto do sector lácteo nas mobilizacións convocadas para este xoves, día 11, ás portas da planta de Lactalis en Vilalba; e o vindeiro martes 16 ante Larsa en Outeiro de Rei. A organización considera intolerable a actitude destas dúas industrias, e demanda cambios drásticos e inmediatos para cumprir coa Lei de Cadea e garantir a viabilidade das granxas.

Das 12.320 explotacións lácteas que había no conxunto do estado español en 2020 hoxe só quedan activas 11.603. En Galicia, das 6.857 existentes hai un ano resisten 6.476. Só o aumento do prezo dos pensos para alimentación do gando está a supor neste momento 800 euros mensuais máis de gasto para unha explotación media de 350.000 quilos de cota, o equivalente a unha produción de 30.000 quilos/mes. Así as cousas, producir un litro de leite cústalle hoxe a un gandeiro galego 2,63 céntimos de euro máis que hai un ano só a causa do encarecemento dos cereais; sen ter en conta o aumento do prezo doutros insumos como a enerxía, os plásticos, os combustibles ou os fertilizantes.

UUAA denuncia que, mentres houbo industrias que nos últimos meses tiveron en conta a forte suba dos custos de produción das granxas e fixéronas partícipes da revalorización do leite impulsada pola distribución, non así Larsa e Lactalis, que suman entorno a 2.200 produtores en Galicia. Moi pola contra, a organización condena a “intolerable actitude” de Lactalis, que neste momento “tenta extorsionar aos produtores cos que traballa cunha proposta de actualización de contrato que contempla a suba dun mísero céntimo ata abril de 2023. Asinar isto é asinar a sentenza de morte das nosas explotacións, e pedímoslle a todos os gandeiros que non cedan ás presións. Non é asumible, non podemos permitilo e imos presionar para que estas dúas industrias suban de xeito inmediato e suficiente o prezo do leite que recollen”.

UUAA denuncia que a modificación da Lei de Cadea non se está a cumprir en moitos casos, e condea firmemente o proceder de Lactalis; así como o de Larsa, que recentemente tentou branquear a súa imaxe gabándose dun aumento do prezo do leite que nada ten que ver coa actualización do mesmo á forte suba dos custos de produción das granxas á que obriga a lexislación.

A alimentación do gando encareceuse un 26% no último ano, e todas as previsións apuntan a que nos vindeiros meses ese aumento podería chegar ata o 40%. A suba do prezo da enerxía supón un sobrecusto dun 34% para as explotacións, e agárdase que os plásticos e os fertilizantes sexan un 50% máis caros o ano que ven.

Mentre isto acontece, o prezo de leite segue estancado e en Galicia seguimos á cola do estado e de Europa. “A situación require medidas drásticas e inmediatas”. Pois mentres as granxas afogan as industrias levan meses beneficiándose do aumento das cotizacións dos derivados lácteos, que lles supón 9 céntimos de ganancia a maiores por cada litro de leite. Así como da revalorización do leite impulsada pola distribución nos puntos de venda. Unha suba do PVP que está a quedar nos petos destas dúas industrias; que se negan a repercutir ese incremento dos seus ingresos no sector produtor.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias