Gandeiros de Ourense maniféstanse contra a grave crise de rendibilidade que atravesa o sector

Á mobilización convocada por Unións Agrarias percorreu o centro da cidade

 

Gandeiras e gandeiros da provincia de Ourense manifestáronse esta mañá nesa cidade para denunciar a grave crise de rendabilidade que atravesan e demandar o cumprimento da Lei de Cadea no sector cárnico de vacún. Os produtores secundaron unha convocatoria que partiu das portas da Subdelegación do Goberno e concluiu fronte á Delegación da Xunta. Dependencias nas que Unións Agrarias fixo entrega por escrito das súas reivindicacións para a mellora do sector tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central.

Unións Agrarias continuou este mércores co calendario de mobilizacións iniciado semanas atrás para denunciar a situación que atravesan as explotacións de carne de vacún galegas. Á caída dos prezos en orixe motivada pola covid, que segue sen recuperarse, as ganderías galegas suman agora a forte suba dos seus custos de produción. Un combo que supón que as gandeiras e gandeiros galegos ingresen hoxe 200 euros menos por cada becerro que venden dos que percibían antes da pandemia.

Os produtores das explotacións de carne da provincia de Ourense levan perdidos no que vai de ano máis de 3,6 millóns de euros polos incremento dos custos de produción; que unidos aos danos causados polo lobo teñen ás ganderías contra as cordas. Así as cousas, UUAA volveu demandar hoxe a implicación da Xunta de Galicia para poñer en marcha un observatorio público que elabore custos de produción adaptados á realidade das explotacións galegas, que sirvan de referencia á hora de facer cumprir a Lei de Cadea Alimentaria. Segundo as estimacións da organización, producir un quilo de carne custa arredor de 5,4 euros sen ter en conta man de obra. Unha cifra ata un 25% superior á que están a percibir os gandeiros galegos pola venda desa mesma carne. Asimesmo, Unións reivindicou a necesidade dun cambio no marco de relacións entre gandeiros e matadoiros e o emprego de contratos de abastecemento por escrito, tal e como marca a lexislación vixente.

A organización tamén volveu solicitar a colaboración das administracións central e autonómica para impulsar unha xestión efectiva e realista da fauna salvaxe; máis concretamente do lobo; que garanta a seguridade da poboación que convive con esta especie e a supervivencia da actividade gandeira. Nese senso, UUAA esixe non só a reactivación da liña de axudas públicas para cobertura dos ataques ao gando; senón tamén unha actualización duns baremos totalmente desfasados, de xeito que se contemple non só o valor real de mercado dos animais atacados senón tamén o lucro cesante provocado ás explotacións afectadas.

 

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias