Máis de 500 gandeiros claman contra os abusos das industrias lácteas

A concentración ás portas de Lactalis, en Vilalba, abriu o calendario de mobilizacións do sector en Galicia

 

Máis de 500 gandeiros congregáronse esta mañá ás portas de Lactalis en Vilalba para denunciar os abusos das principais industrias lácteas que operan en Galicia e demandar prezos dignos para o leite galego. Os produtores atenderon a convocatoria de Unións Agrarias; durante a que se bloqueou o acceso á planta e se verteu unha cisterna de leite en sinal de protesta polos baixos prezos en orixe.

Unións Agrarias considera intolerable que Lactalis, ao igual que Larsa, se resista a cumprir coa lei e a trasladar aos produtores un incremento do prezo do leite que lles permita afrontar a forte suba de custos de producoón que leva meses afogando ás granxas. A organización denuncia unha actitude especialmente sangrante no contexto actual; cando as industrias levan meses vendo aumentar os seus ingresos a causa da revalorización do leite nos puntos de venda e o aumento das cotizacións dos derivados lácteos. Dous factores que están a supoñer un aumento dos ingresos de 9 céntimos de euro por litro de leite.

A mobilización convocada por Unións Agrarias en Vilalba non foi a única celebrada hoxe en España; onde os produtores de leite se manifestaron en diferentes cidades. Das 12.320 explotacións lácteas que había no conxunto do estado español en 2020 hoxe só quedan activas 11.603. En Galicia, das 6.857 existentes hai un ano resisten 6.476. Só o aumento do prezo dos pensos para alimentación do gando está a supor neste momento 800 euros mensuais máis de gasto para unha explotación media de 350.000 quilos de cota, o equivalente a unha produción de 30.000 quilos/mes. Así as cousas, producir un litro de leite cústalle hoxe a un gandeiro galego 2,63 céntimos de euro máis que hai un ano só a causa do encarecemento dos cereais; sen ter en conta o aumento do prezo doutros insumos como a enerxía, os plásticos, os combustibles ou os fertilizantes.

UUAA denuncia que, mentres houbo industrias que nos últimos meses tiveron en conta a forte suba dos custos de produción das granxas e fixéronas partícipes da revalorización do leite impulsada pola distribución, non así Larsa e Lactalis, que suman entorno a 2.200 produtores en Galicia. Moi pola contra, a organización condena a “intolerable actitude” de Lactalis, que neste momento “tenta extorsionar aos produtores cos que traballa cunha proposta de actualización de contrato que contempla a suba dun mísero céntimo ata abril de 2023. Asinar isto é asinar a sentenza de morte das nosas explotacións, e pedímoslle a todos os gandeiros que non cedan ás presións. Non é asumible, non podemos permitilo e imos presionar para que estas dúas industrias suban de xeito inmediato e suficiente o prezo do leite que recollen”.

UUAA denuncia que a modificación da Lei de Cadea non se está a cumprir en moitos casos, e condea firmemente o proceder de Lactalis; así como o de Larsa, que recentemente tentou branquear a súa imaxe gabándose dun aumento do prezo do leite que nada ten que ver coa actualización do mesmo á forte suba dos custos de produción das granxas á que obriga a lexislación.

A alimentación do gando encareceuse un 26% no último ano, e todas as previsións apuntan a que nos vindeiros meses ese aumento podería chegar ata o 40%. A suba do prezo da enerxía supón un sobrecusto dun 34% para as explotacións, e agárdase que os plásticos e os fertilizantes sexan un 50% máis caros o ano que ven.

Mentre isto acontece, o prezo de leite segue estancado e en Galicia seguimos á cola do estado e de Europa. “A situación require medidas drásticas e inmediatas”. Pois mentres as granxas afogan as industrias levan meses beneficiándose do aumento das cotizacións dos derivados lácteos, que lles supón 9 céntimos de ganancia a maiores por cada litro de leite. Así como da revalorización do leite impulsada pola distribución nos puntos de venda. Unha suba do PVP que está a quedar nos petos destas dúas industrias; que se negan a repercutir ese incremento dos seus ingresos no sector produtor.

UUAA volverá mobilizarse o vindeiro martes, día 16, ás portas de Larsa en Outeiro de Rei.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias