UUAA anuncia unha campaña de boicot contra as industrias que non cumpran cos gandeiros

Máis de medio milleiro de gandeiros concentráronse hoxe ás portas da factoría de Larsa/CapsaFood en Outeiro de Rei

 

Unións Agrarias iniciará unha campaña de sinalamento e boicot contra as marcas de industrias que incumpran as súas obrigas cos gandeiros aos que recollen leite. Así o anunciou a organización esta mañá durante unha mobilización convocada ás portas das instalacións de Larsa en Outeiro de Rei na que participaron máis de medio milleiro de gandeiros e gandeiras. Unha protesta na que a organización agraria tamén instou ao Ministerio de Agricultura a facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e adiantou a convocatoria de mobilizacións en Madrid no caso de que o Goberno central non actúe de oficio contra quen sistematicamente está a pasar por enriba da legalidade.

Tralas mobilizacións celebradas nos últimos días ante Lactalis e Larsa/Capsa Food Unións Agrarias retomará os contactos coas industrias para tentar reconducir a situación. Porén, a organización agraria ten claro que se estas persisten na súa actitude continuará co seu calendario de accións; desta volta mediante unha campaña de sinalamento público e boicot para a que UUAA buscará a complicidade da distribución. En paralelo, UUAA denunciará ante a AICA os incumprimentos da Lei de Cadea perpetrados por estas industrias.

UUAA denuncia que, mentres houbo industrias que nos últimos meses tiveron en conta a forte suba dos custos de produción das granxas e fixéronas partícipes da revalorización do leite impulsada pola distribución, non así Larsa e Lactalis, que suman entorno a 2.200 produtores en Galicia. Moi pola contra, a organización condena a “intolerable actitude” de Lactalis, que neste momento “tenta extorsionar aos produtores cos que traballa cunha proposta de actualización de contrato que contempla a suba dun mísero céntimo ata abril de 2023. Asinar isto é asinar a sentenza de morte das nosas explotacións, e pedímoslle a todos os gandeiros que non cedan ás presións. Non é asumible, non podemos permitilo e imos presionar para que estas dúas industrias suban de xeito inmediato e suficiente o prezo do leite que recollen”.

UUAA denuncia que a modificación da Lei de Cadea non se está a cumprir en moitos casos, e condea firmemente o proceder de Lactalis; así como o de Larsa, que recentemente tentou branquear a súa imaxe gabándose dun aumento do prezo do leite que nada ten que ver coa actualización do mesmo á forte suba dos custos de produción das granxas á que obriga a lexislación.

A alimentación do gando encareceuse un 26% no último ano, e todas as previsións apuntan a que nos vindeiros meses ese aumento podería chegar ata o 40%. A suba do prezo da enerxía supón un sobrecusto dun 34% para as explotacións, e agárdase que os plásticos e os fertilizantes sexan un 50% máis caros o ano que ven.

Mentre isto acontece, o prezo de leite segue estancado e en Galicia seguimos á cola do estado e de Europa. “A situación require medidas drásticas e inmediatas”. Pois mentres as granxas afogan as industrias levan meses beneficiándose do aumento das cotizacións dos derivados lácteos, que lles supón 9 céntimos de ganancia a maiores por cada litro de leite. Así como da revalorización do leite impulsada pola distribución nos puntos de venda. Unha suba do PVP que está a quedar nos petos destas dúas industrias; que se negan a repercutir ese incremento dos seus ingresos no sector produtor.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias