Gandeiros convocados por Unións Agrarias percorreron esta mañá algúns dos principais supermercados de Santiago de Compostela para comprobar o grao de cumprimento do compromiso acadado onte coa distribución para eliminar dos puntos de venda o leite das marcas de Lactalis e Capsa Food. O grupo de acción visitou distintos establecementos e procedeu á retirada dos cartóns de Larsa, Central Lechera Asturiana, Puleva ou RAM que aínda non foran retirados dos andeis. E destacou a súa absoluta vontade de continuar exercendo presión e impulsando activamente medidas de boicot ás industrias que se negan a repercutir o aumento dos seus ingresos no sector produtor.
Unións Agrarias están a manter unha liña de accións sindical enfocada a sinalar ás empresas que non permiten aos produtores trasladar ao prezo do leite en orixe parte dos brutais custos de produción que están a sufrir as explotacións. Para a organización non cabe outra estratexia; despois de ter logrado que a distribución aceptara incrementar o prezo de venda ao público para revalorizar o produto e permitir un reparto máis xusto dos beneficios ao longo da cadea; e que logo esa suba non se traslade aos gandeiros.
Para UUAA Capsa e Lactalis son, polo lugar que ocupan na FENIL e na Interprofesional Láctea, así como polo importantísimo volume de recollida que representan en Galicia, as principais culpables da nula rendibilidade das granxas lácteas a pesar das grandes ganancias que están a obter pola comercialización de produtos industriais. As concentracións levadas a cabo en Vilalba e Outeiro de Rei supuxeron un primeiro chanzo na escalada dun calendario de actuacións que irá facéndose cada vez máis contundente para reverter unha situación na que os gandeiros de leite, segundo o Estudo da cadea de valor do propio Ministerio de Agricultura, están a pagar un 26% mais polos custos de produción. Situación dá como resultado que, se de media este ano unha granxa cobrou polo leite 33,30 cts/l, resulta practicamente imposible poder manter a actividade.
No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi case 1 céntimo menor que a media nacional. Unha cifra que xa situaba ás granxas da nosa Comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción. Hai que lembrar que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal. Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media.UUAA fai un chamamento aos operadores do sector a cumprir o establecido na Lei de Cadea onde claramente sinala que non pode existir a venda a perdas entre os distintos no escalado de valor do leite