Santiago, 20 de novembro de 2021.- A organización Unións Agrarias repartirá 2.000 quilos de polo de balde na cidade de Pontevedra para denunciar as perdas que a avicultura está a sofrer a causa da suba brutal dos custos de produción (arredor dun 10,5%), e os baixos prezos de venda. Con esta acción -que terá lugar o vindeiro martes 23 de novembro na Praza de Ourense-, o sindicato quere advertir da grave sutuación do sector avícola galego polo forte incremento dos custos da electricidade das granxas. Neste momento as explotacións están a soportar picos de crecemento do gasto eléctrico de ata un 36%, o que supón unha cantidade insoportable tendo en conta que a enerxía supón en condicións normais mais do 33% dos seus custos de produción.
Fronte a esta realidade, os avicultores ven como os prezos da carne de polo non se da recuperado do impacto da caída do consumo en hostalería e turismo derivada da pandemia. Neste momento, os criadores perciben 0,18 €/Kg no tipo Broiler, cando para cubrir gastos non deberían de baixar de 0,23€/Kg. Unha situación que implica que a Lei de Cadea non está a funcionar ao non poder trasladarse os custos ao prezo en orixe.
As granxas deben facer fronte a unha serie de gastos fixos de insumos, enerxía ou seguros que non se reduciron a pesar do coronavirus. Porén, a crise sanitaria si obrigou a mermar o seu habitual número de crianzas anuais alongando as estancias dos polos de 14 días a 1 mes, do que deriva maior gasto. E como colofón as empresas integradoras están reducindo a entrada de crías, pasando de 35.000 a 30.000 por camada.
A organización lembra que moitos mozos e mozas que apostaron por este sector para iniciar a súa actividade están vendo como os resultados condicionan a súa viabilidade por causas alleas ao seu traballo. É necesario lembrar a situación de dependencia dos produtores respecto das industrias integradoras para as que traballan; a efectos prácticos como se de asalariados se tratase. Así como o feito de que, se non se poñen sobre a mesa as medidas precisas, unha caída do consumo a nivel nacional derivada dun menor número de turistas podería implicar a tentación de abaratar a produción por parte desas empresas integradoras.
As mais de 600 explotacións de polo de Galicia poderían deixar de ingresar no marco da pandemia uns 3,5 millóns de euros. Son as estimacións que o propio sector xa ten sobre a mesa, en vista dos hábitos de consumo que, nun ano normal, se traducirían nun aumento do consumo de carne de polo durante os meses do verán. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a buscar fórmulas que permitan compensar o baixón da actividade e prezos.