UUAA reparte mil polos para denunciar os baixos prezos que perciben as granxas

Producir un quilo desta carne custa 0,23€, pero os gandeiros están a cobrar 0,18

 

Unións Agrarias repartiu hoxe en Pontevedra mil polos para denunciar a venda a perdas xeralizada neste sector produtor. Centos de persoas pasaron polo posto instalado na Praza de Ourense; dende o que a organización quixo dar a coñecer a crise que atravesan as granxas e sensibilizar aos consumidores sobre os baixos prezos en orixe e a escalada dos custos de produción.

Producir un quilo de polo cústalle aos gandeiros 0,23€. Porén, estes están a cobralo a 0,18. A crise da Covid-19 provocou unha caída do consumo que obrigou a mermar o número de crianzas anuais das granxas, así como o número de animais por cada unha delas. Unha situación que derivou nunha caída de ingresos de 18.500 euros/ano por explotación: 11 millóns de euros anuais menos para un sector que en Galicia integran unhas 600 unidades produtoras.

Porén, a situación dos produtores de polo empeorou nos últimos meses; pois á forte caída de ingresos derivada da pandemia hai que sumar agora a brutal escalada dos custos de produción dunhas explotacións moi dependentes do gasto enerxético. A electricidade supón o 33% dos gastos das granxas avícolas, que a día de hoxe soportan picos de crecemento dese insumo de ata un 36%. Un encarecemento ao que hai que engadir tamén o dos cereais empregados para a alimentación dos polos, co millo un 20% máis caro, o trigo un 13%, a soia un 10,5% e a graxa un 36,7%.

Producir un quilo de carne de polo é hoxe un 10,5% máis caro que a comezos de ano. Porén, as integradoras non están a asumir ese encarecemento, que ten ás granxas contra as cordas. “Neste momento a un produtor de polo élle case máis rentable regalalo que vendelo. Hai 10 anos había 778 granxas de polo en Galicia. Hoxe, a pesar das 160 que se crearon nos últimos anos, apenas quedan 600”.

A organización denunciou o emprego do polo como produto reclamo por parte da distribución. E instou ao Ministerio de Agricultura a intervir e a facer cumprir a Lei de Cadea. “Situar o PVP do quilo de polo entorno aos 2,90 suporía apenas 2 euros de gasto anual a maiores para os consumidores; pero garantiría a cobertura dos custos de produción das granxas”. Nese senso, UUAA fai un chamamento á sensibilidade e á solidariedade da cidadanía “para que as explotacións poidan cubrir custos”.

“Este acto é un inicio para chamar a atención das administracións e a opinión pública. O consumidor debe ser responsable e consciente da situación”, explicou o secretario xeral de UUAA, que lembrou a garantía de calidade e seguidade alimentaria que supón o consumo de polo de produción nacional fronte ao importado de países de fóra da UE, cunha normativa moito máis laxa tanto en materia sanitaria como de benestar animal.

Neste momento cada produtor de polo ten que poñer 1.500 euros mensuais do seu peto para manter a actividade. Unha situación insustentable que require dunha intervención inmediata; pois supón un claro incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria, que veta explicitamente a venda a perdas. Nese senso, a organización lembra tamén a necesidade de intervir para que a distribución deixe de empregar o polo como produto reclamo. E lembra que “promocións desta carne a 2,40 €/quilo supoñen forzar a venda por debaixo de custos de producion”.

Tralo acto de sensibilización pública e o reparto realizado na céntrica Praza de Ourense, a organización achegouse ao comedor social dos franciscanos para amosar o seu compromiso coas persoas con menos recursos donando unha partida de polos.

 

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias