UUAA chama ao boicot ás marcas de Capsa Food e Lactalis

Pide aos consumidores que non merquen leite Larsa, Central Lechera Asturiana, RAM, Président, Puleva ou RAM

 

Unións Agrarias fai un chamamento para que a cidadanía se solidarice activamente cos produtores de leite galegos e deixe de adquirir marcas que incumpren a lei e que se negan a pagar prezos xustos ás granxas. Visto que os reiterados intentos da organización agraria por renegociar os contratos de abastecemento e axustalos á forte suba dos custos de produción das explotacións non teñen dado resultado; UUAA dá un paso adiante na súa campaña polo cumprimento da Lei de Cadea no sector lácteo e solicita a solidariedade das persoas consumidoras.

Unións Agrarias condena a actitude que Capsa Food e Lactalis veñen mantendo ata o de agora e pide que consumidores e consumidoras se sumen ao boicot aos produtos destas industrias. Larsa, Central Lechera Asturiana, Président, RAM e Puleva son, neste momento, sinónimo de abuso e de trato ilegal ao sector produtor; polo que a organización agraria fai un chamamento público para que deixen de consumirse.

Segundo os datos do propio Ministerio, producir un litro de leite cústalle ás granxas 0,35 céntimos. Porén, as industrias maioritarias en Galicia estano pagando a 0,29; e néganse a renegociar ese prezo aínda a pesar de que os seus ingresos por litro de leite téñense incrementado en 9 céntimos nos últimos meses a consecuencia da revalorización das cotizacións de derivados lácteos como a manteiga e o leite en pó e á suba do PVP do leite adoptada de xeito maioritario pola distribución. Así as cousas, UUAA volve solicitar a intervención de oficio do Ministerio; que dispón de todos os datos e debe comezar a aplicar sen demora accións exemplares contra quen incumpre a Lei da Cadea Alimentaria. Ademais, a organización está a preparar unha denuncia para poñer en coñecemento da AICA a situación.

Mañá mesmo o secretario xeral da organización abordará a sutuación nunha xuntanza en Madrid co Goberno central; na que participará xunto a representantes doutras organizacións de produtores do estado. Ademais, Unións Agrarias solicita tamén a implicación da Consellería do Medio Rural; a quen pide que actúe como mediador e interveña para facilitar a negociación coas industrias lácteas e axeitar os prezos recollidos nos contratos de abatecemento aos novos custos de produción das granxas.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias