Se nas vindeiras semanas as industrias que recollen leite en Galicia non aceptan subir o prezo do leite en orixe de xeito suficiente para cubrir os custos de produción das granxas Unións Agrarias convocará ao sector produtor a unha gran manifestación en Santiago de Compostela. O 26 de xaneiro é a data que a organización baralla para esa gran protesta; antes da cal continuará apostando pola negociación e forzando contactos coas industrias; sen deixar de lado a campaña pública de denuncia e sinalamento.
Pese aos reiterados intentos de negociación que Unións Agrarias leva semanas tentando impulsar, ata o de agora as industrias maioritarias seguen sen aceptar subas do prezo do leite suficientes para garantir a rendibilidade das explotacións e cubir a forte suba dos custos de produción que estas padecen. Así as cousas, a organización anuncia novas accións de protesta para continuar denunciando a actitude das firmas que forzan a venda a perdas e pedir a complicidade dos consumidores: o o xoves 16 no Alcampo da Coruña, e o martes 21 en Lugo.
Unións Agrarias fai fincapé na boa actitude que a distribución ten amosado nos últimos meses cara á delicada situación do sector produtor. E louba a aposta decidida das grandes cadeas pola revalorización do leite e polo seu espíritu colaborador á hora de posibilitar un reparto máis xusto e equitativo dos beneficios ao longo da cadea de produción. Mais non así as industrias, que están a embolsarse un aumento dos beneficios que rolda os 9 céntimos de euro por litro de leite e negándose a repercutir esa mellora dos seus ingresos no sector produtor. Así as cousas, Unións Agrarias sinala directamente ás industrias e insta ao Ministerio de Agricultura a actuar con contundencia e sen demora contra as firmas que están a incumprir a Lei da Cadea Alimentaria, negando aos ganadeiros o seu dereito a cubrir custos e a percibir retribucións xustas polo seu traballo.
A organización continúa apostando pola negociación e confía en acadar pronto unha solución acorde ao que marca a recén modificada lexislación. En calquera caso, UUAA adianta que se esa solución non chega nas próximas semanas ampliará a campaña de sinalamento público que comezou con Capsa e Lactalis a outras marcas que, se ben representan cotas de mercado menores que as destas firmas, están a incorrer en actitudes análaogas.
Unións Agrarias entende que o momento actual non é o idóneo para apostar por unha folga de entregas. Unha opción que non conta co respaldo maioritario dos produtores e unicamente suporía máis perxuízos para eles. A organización entende que as solucións que o sector precisa pasan agora por otras vías; e aposta por seguir forzando a negociación, esixindo a intervención do Ministerio contra aqueles que incumpran a Lei de Cadea e apelando á colaboración da cidadanía poñendo o foco sobre as marcas que forzan a venda a perdas.