Santiago 13 de decembro.- O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, mantivo un encontro cos dirixentes de Comisións Obreiras e UGT Galicia, Amelia Pérez e José Antonio Gómez, respectivamente, para informalos das grandes dificultades polas que están atravesando os gandeiros galegos pola pechazón da industria a equilibrar o prezo que paga polo leite co brutal incremento dos custos de produción das granxas.
Os produtores galegos levan perdido no tramo interanual de 2020/21 un 11,45% dos seus ingresos por mor das fortes subas nos custos de produción, que alcanzaron case un 17% nos últimos meses. Porén, industrias como CAPSA e Lactalis atesouran un incremento de facturación dun 18% e un 24% respectivamente no mesmo período grazas á revalorización do leite líquido nos lineais da distribución e pola suba imparable dos derivados industriais como a graxa.
Para Amelia Pérez, secretaria xeral de CC.OO. resulta inmoral “a avaricia coa que actúan as grandes industrias ao non repartir os beneficios que están a xerar pola transformación do leite sen trasladalos á primeira parte da cadea: aos gandeiros e gandeiras”. No mesmo senso, apoiou as reclamacións de Unións Agrarias para que se faga cumprir a Lei da Cadea recentemente aprobado no Congreso do Deputados, como factor de equilibrio que impida a venda a perdas.
Para José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia, o esmorecemento do medio rural galego ten moito que ver coa caída constante da actividade gandeira, que cada ano ve como se pechan novas granxas. Desde esa óptica lembrou que o sostemento do emprego nas comarcas vencelladas á produción láctea pasa polo relanzamento desta actividade, porque “6.000 explotacións supoñen 18.000 empregos que neste momento non só manteñen a actividade económica, senón que tamén vertebran o territorio e só nos lembramos deles cando hai lumes”. Do mesmo xeito apuntou que cando as industrias se gaban da súa actividade na responsabilidade social corporativa, deberían comezar por dar exemplo pagando un prezo xusto polo leite.
Desde UUAA destacase que tanto Lactalis como CAPSA melloraron os seus ingresos só en Galicia en arredor 21/22 millóns de euros no período febreiro/outubro de 2021. Cifras que que lles permitiría subir máis de 4 cts/l o prezo que pagan aos produtores polo leite. UUAA segue a manter unha liña de accións sindical enfocada a sinalar ás empresas que non permiten aos produtores trasladar ao prezo leite en orixe parte dos brutais custos de produción que están a sufrir as explotacións e en contra do que se fixa na Lei da Cadea. Para a organización non cabe outra estratexia, tras lograr que a distribución aceptara incrementar o prezo de venda ao público e que logo esa suba non se traslade aos gandeiros.