Unións Agrarias reuniuse esta mañá con representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para falar da crise que atravesan os produtores galegos de leite. A organización explicou a delicada situación na que se atopan as granxas debido ao aumento dos custos de produción rexistrado nos últimos meses e á resistencia das industrias a subir os prezos de maneira acorde. Eapelou á solidariedade dos colectivos veciñais; que non dubidaron en facer súas as demandas e unirse á campaña de sinalamento contra as marcas que incumpren a Lei de Cadea e atentan contra a rendibilidade do sector lácteo en Galicia.
Os produtores galegos levan perdido no tramo interanual de 2020/21 un 11,45% dos seus ingresos por mor das fortes subas nos custos de produción, que acadaron case un 17% nos últimos meses. Porén, industrias como CAPSA e Lactalis atesouran un incremento de facturación dun 18% e un 24% respectivamente no mesmo período; grazas a revalorización do leite líquido nos lineais da distribución e debodo ao aumento imparable das cotizacións de derivados industriais como a graxa, a manteiga ou o leite en pó.
Entre febreiro e outubro de 2021 Lactalis e Capsa Foods melloraron os seus ingresos en arredor 22 millóns de euros só en Galicia. Unhas cifras que moi ben lles permitirían subir máis de 4 céntimos por litro o prezo que pagan aos produtores. Porén, as industrias maioritarias están a manter unha actitude inaceptable, negándose a actualizar os prezos recollidos nos contratos de recollida do leite de maneira suficiente para que as explotacións cubran custos. De todo iso falou esta mañá Unións Agrarias coa Federación de asociacións de veciños lucense, que fixo seus os plantexamentos de UUAA e sumouse á campaña de sinalamento contra as marcas das industrias que están a incumprir a Lei de Cadea Alimentaria, forzando a venda a perdas e contribuíndo á destrución do sector produtor.