Unións Agrarias volverá ás mobilizacións se de aquí ao 8 de xaneiro a situación dos produtores de carne de vacún non muda. “A situación é moi delicada, e non temos máis tempo. Imos darnos un período de diálogo para tentar buscar solucións da man da administración, as industrias e a distribución. Pero se esta vía non prospera o 9 de xaneiro volveremos ás protestas”.
A día de hoxe os gandeiros galegos de carne de vacún están asumindo unhas perdas que os están obrigando a endebedarse en cantidades moi importantes, nun sector que viña xa dunha situación moi delicada. Nese senso, UUAA lembra que o cárnico de vacún leva cos prezos conxelados tres décadas e sen axudas públicas suficientes. E apunta que, mentres que os prezos medios no último ano aumentaron un 29% no conxunto do estado, en Galicia fixérono apenas un 7,5%. Unha anomalía que urxe correxir, e en relación á que a Xunta de Galicia debe tomar cartas no asunto.
Unións Agrarias esixe unha axuda directa á renda das explotacións igual á que a administración galega impulsou o ano pasado. “A situación de prezos é hoxe moito peor, porque ás problemáticas que xa viñan arrastrando os gandeiros súmase agora a forte suba dos seus custos de produción”. Ademais, a organización demanda un plan estratéxico de viabilidade para o 2022; “un ano que se prevé moi difícil para as explotacións de carne debido á baixada de prezos que adoita producirse nos primeiros meses do ano”. Nese senso, UUAA entende que as liñas de actuación deben pasar por centralizar as axudas directas do PDR nas explotacións de carne en base a vacas nodrizas, tanto as destinadas a zonas de montaña como as agroambientais; e por posibilitar un anticipo das mesmas que permita aos produtores de carne de vacún ter acceso a estes ingresos no primeiro trimestre do 2022; un xeito de paliar a perda de renda que virá da man da próxima caída dos prezos.
Unións Agrarias tamén olla cara a Madrid para esixirlle ao Ministerio que poña en marcha as mesmas axudas anunciadas para o lácteo. “Se a situación dos produtores de leite é delicada os de carne non o están a pasar mellor, polo que esixiremos que de xeito inmediato se poñan en marcha axudas análogas ás anunciadas para o lácteo”.
A pesar de considerar imprescindible esta inxección económica pola liña das axudas públicas, UUAA entende que a recuperación e o futuro do sector necesariamente pasará pola revalorización da produción e a recuperación de prezos. Nese senso, a organización pon o foco na produción de tenreira suprema e insta a un traballo conxunto para convertela no buque insignia da comercialización da carne de tenreira galega. “É necesario converter un produto premium en delicatesen e conseguir que teña o recoñecemento por parte do consumidor que a súa calidade merece”.
A organización xa ten abertas negociacións coas industrias e a distribución para evitar que continúe a balazación deste produto, que nalgunhas áreas comerciais está a empregarse neste momento como reclamo. “Iso temos que córtalo de xeito inmediato e imos facelo. Non é de recibo que o prezo da suprema en Galicia sexa hoxe o mesmo que o das carnes xenéricas. Algo análogo ao que suporía vender un viño con DO a prezo de viño de mesa. Estamos a falar do produto top da gandería galega, e necesitamos sumar forzas e trazar un plan para revalorizalo como merece”. Nese senso, a organización insta á IXP e á Xunta de Galicia a involucrarse na divulgación e a promoción desta produción. Así como na posta en marcha dun plan de dinamización da tenreira galega fóra de Galicia.
Os gandeiros de carne de vacún galegos están a vender hoxe por menos do que lles custa producir. O custo medio de producir un xato hoxe supera en 150 euros ao de comezos do ano pasado, e os animais estanse a vender polo mesmo que hai vinte anos.
En Galicia temos 20.000 explotacións de carne das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña, en torno a 2.500; as áreas máis despoboadas e avellentadas, para as que esta actividade representa un motor económico e un factor de fixación de poboación imprescindible.
Unións Agrarias lembra que, se a situación non muda, o problema de falla de relevo xeracional que afecta ao sector primario de maneira xeralizada agravarase aínda máis e levará ao peche definitivo de moitas das explotacións existentes. Unha realidade que, sen dúbida, tería consecuencias demográficas catastróficas e suporía un paso difícil de reverter no camiño cara ao abandono do rural galego.