UUAA anuncia quince días de tregua para tentar renegociar prezos coas industrias lácteas

Se as conversas abertas non dan froitos, a organización volverá convocar mobilizacións máis contundentes

 

Unións Agrarias aparcará o calendario de mobilizacións que viña impulsando para esixir prezos xustos para o leite e dará 15 días de marxe para tentar reconducir a situación. A organización ten aberto unha mesa de negociación coas distintas industrias lácteas que operan en Galicia; e confía en que nas vindeiras semanas estas conversas poidan materializarse en acordos que garantan o cumprimento da Lei de Cadea no sector; así como a rendibilidade das explotacións.

Unións Agrarias agarda que nas vindeiras semanas todas as industrias lácteas que recollen leite en Galicia cumpran a lei e comecen a pagar aos gandeiros prezos suficientes para que estes vexan cubertos os seus custos de produción. A organización condena as ameazas e a actitude belixerante trasladada nas últimas horas por algunhas industrias; e lembra que UUAA unicamente está a esixir o cumprimento da legalidade e a defender os direitos do sector produtor.

Nestes momentos un gandeiro galego percibe 34,2 céntimos por litro de leite, mentres que a media do estado se sitúa nos 35,2 e o prezo en Asturias elévase ata os 37,3. Unha situación inaceptable e insostible, que supón ademais un claro incumprimento da Lei de Cadea. Así, Unións Agrarias volve instar ao Ministerio de Agricultura a dar un paso adiante para facer cumprir a lexislación; que declara ilegal a venda a perdas.

A organización agradece a boa disposición amosada pola distribución; que nos últimos meses ten dado pasos para revalorizar o leite de maneira suficiente para garantir un reparto equitativo dos ingresos entre todos os elos da cadea produtiva. Porén esa suba (que nalgunhas cadeas acada xa os 9 céntimos por litro de leite) está a quedar nos petos das industrias; que se negan a repercutila no sector produtor de maneira suficiente para que este poida cubrir o forte aumento que os custos de produción teñen experimentado nos últimos meses. Máis concretamente, UUAA valora o xesto de solidariedade de Eroski; que hoxe mesmo retirou dos andeis do seu establecemento no centro comercial As Termas de Lugo todos os bricks das marcas contra as que a organización leva semanas impulsando unha campaña de sinalamento.

 

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias