UUAA celebra o compromiso de Mercadona e Naturleite co sector produtor de leite

A organización insta ao conxunto das industrias a seguir o exemplo e a repercutir nas explotacións as subas do PVP

Unións Agrarias valora moi positivamente o último xesto de Mercadona e Naturleite cara ao sector produtor galego. A cadea de distribución ven de dar un novo paso na estratexia pola revalorización do leite que iniciou algúns meses atrás: unha suba de dous céntimos no prezo de venda ao público da súa marca láctea; da que á súa vez Naturleite, a industria coa que opera en Galicia, ten trasladado céntimo e medio aos gandeiros. A organización agraria celebra unha iniciativa que demostra o compromiso destas firmas coas explotacións gandeiras da nosa Comunidade. E insta ao conxunto das industrias a seguir o exemplo e a repercutir nos produtores de maneira inmediata o aumento do PVP que levan meses embolsándose.

Unións Agrarias destaca a excelente actitude que o conxunto da distribución ten amosado á hora de impulsar o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria e garantir un reparto equitativo dos beneficios ao longo de todos os elos da mesma. Porén, as industrias están a embolsarse as subas do prezo do leite nos puntos de venda. Unha actitude inaceptable coa que están a forzar ás explotacións gandeiras a vender a perdas e a negarlles o seu dereito a cubrir custos e a obter rendementos xustos polo seu traballo.

Unións Agrarias confía en que as mesas de negociación que ten abertas co conxunto das industrias que recollen leite en Galicia se traduzan pronto en subas en orixe acordes ao aumento dos custos de produción das granxas. A organización xa adiantou que volverá ás mobilizacións se este aumento do prezo do leite non se produce no prazo de dúas semanas. E insta ao Ministerio de Agricultura a actuar con contundencia contra as firmas que se resistan a cumprir co que establece a lei.

A adoptada esta semana é a segunda suba do prezo do leite impulsada por Mercadona e Naturleite; e supón un aumento dos ingresos por litro que perciben os gandeiros de 3,5 céntimos deste o mes de febreiro.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias