UUAA PIDE UNHA RECTIFICACIÓN OU O CESAMENTO DO MINISTRO DE CONSUMO

Os seu constante desprezo cara ao sector agrogandeiro condiciona a súa continuidade

Santiago, 4 de xaneiro de 2022.- A organización Unións Agrarias pide o cesamento, en caso de que non rectifique, do ministro de Consumo Alberto Garzón pola actitude de desprezo cara ao sector agrogandeiro e o medio rural nas súas manifestacións públicas. O último episodio ven de producirse nunha entrevista ao xornal inglés The Guardian; na que dun xeito completamente irresponsable o ministro afirmaba que a produción de carne en España é de mala calidade e que o manexo dos animais non se realiza de xeito adecuado.

Novamento a argumentación de Alberto Garzón non vai mais aló dunha sorte de falacias coas que acadar visibilidade mediática en base a un ataque gratuíto ao sector gandeiro; sen dúbida o máis comprometido coa sustentabilidade do planeta, a loita contra o cambio climático, a produción de alimentos de calidade para a cidadanía e cos obxectivos do benestar animal.

O sector cárnico en Galicia supón o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. Un territorio no que de non manterse as pradarías como cortalumes, o mato convertirase nunha bomba incendiaria forestal de imposible extinción. Zonas nas que a fauna salvaxe campará de xeito indiscriminado e descontrolado. Así, só desde o descoñecemento máis temerario se pode afirmar que un modelo no que o becerro é criado en extensivo xunto á nai durante 8 meses, como é o caso da Tenreira Galega Suprema, supón un modelo de maltrato animal.

O consumo de carne e de leite, máis aló das alucinantes conclusións de xénero ás que chega Alberto Garzón, leva a que España teña unha das maiores esperanzas de vida do planeta. En Galicia temos 20.000 explotacións de carne das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña, en torno a 2.500; as áreas máis despoboadas e avellentadas, para as que esta actividade representa un motor económico e un factor de fixación de poboación imprescindible.

Cando o ministro Garzón fala das tramas que fan grandes negocios co gando de carne hai que lembrarlle que desde hai moitos anos os gandeiros de vacún galegos están a vender por menos do que lles custa producir; que o custo medio de producir un xato hoxe supera en 150 euros ao de comezos do ano pasado e que os animais estanse a vender neste momento polo mesmo que hai vinte anos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias