A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos trasladou hoxe ao ministro de Consumo a necesidade de sumar forzas e impulsar accións en positivo que poñan en valor o papel da gandería familiar e tradicional e axuden ao sector a deixar atrás a grave crise de rendibilidade na que se atopa. A organización da que forma parte Unións Agrarias reuniuse con Alberto Garzón para explicarlle que a gandería do noso país non supón un risco, nin medioambiental nin alimentario, grazas á experiencia dos nosos produtores e o escrupuloso cumprimento do estrito marco normativo que rexe esta actividade.
Unións Agrarias destaca a necesidade de traballar en positivo; e lembra que, se o ministro pretende apoiar a gandería en extensivo e a actividade das explotacións familiares e tradicionais, debe facelo con accións destinadas a poñer en valor estas producións e non sementando dúbidas nun medio estranxeiro sobre a totalidade dun sector. Nesa liña, a organización agraria aposta porque Ministerio e Xunta de Galicia se involucren na promoción dunha etiquetaxe diferenciada para a carne procedente deste tipo de granxas, fundamentais para a sustantabilidade do medio rural. E insta á administración autonómica a acompañar esta acción dunha campaña informativa que promova a calidade diferenciada da carne galega, en especial a de Ternera Gallega Suprema; e que restableza a confianza dos consumidores, que estes días se viron confundidos por mensaxes tóxicas en relación á trazabilidade e a calidade da produción cárnica do noso país.
Unións Agrarias entende que as dúbidas sementadas nesta semana en relación á seguridade alimentaria da carne española e, por ende, galega, supoñen un feito moi grave debido ao risco de peche no que se atopan moitas das explotacións; nun momento de fonda crise debido á caída de prezos e a baixada de vendas que trouxo a pandemia e, máis aínda, trala forte suba dos custos de produción.
UUAA lembra ademais que o debate en relación ás macrogranxas xa é vello, pois a organización levouno ao Parlamento Europeo xa no 2018 e entre 2019 e 2020 o Congreso promoveu unha lexislación en relación ao tamaño das explotacións. Nese senso, Unións destaca que calquera cambio en relación ao tamaño das granxas, o manexo ou o benestar animal debe promoverse no Congreso dos Deputados, non a través dun medio de comunicación estranxeiro. E insta ao ministro a levar aos xulgados calquera incumprimento da normativa vixente que poida ser detectado.
Ademais, Unións Agrarias insta ao ministro a reflexionar sobre as consecuencias da dicotomía entre modelos de produción que establece o titular de Consumo. E lembra que a produción intensiva de proteína animal, xa sexa en granxas de leite, porcos ou coellos, se realiza en base a unha normativa estrita e permite aos consumidores cun poder adquisitivo limitado adquirir alimentos de calidade a prezos asequibles.
O sector cárnico de vacún en Galicia está composto fundamentalmente por explotacións familiares en extensivo que supoñen o último soporte económico e social para comarcas en alto risco de colapso demográfico. Un territorio no que resisten 20.000 explotacións, das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña, en torno a 2.500; as áreas máis despoboadas e avellentadas, para as que esta actividade representa un motor económico e un factor de fixación de poboación imprescindible.