Agricultores e ganadeiros galegos desprazáronse esta fin de semana ata Madrid para participar na marcha transversal convocada por Alma Rural o domingo 23 de xaneiro. Unións Agrarias sumouse a esta gran mobilización, coa que se retomaron as protestas nas que o sector agrogandeiro se atopaba inmerso antes da pandemia. Accións que son hoxe máis necesarias se cabe, trala entrada en vigor da reforma da Lei de Cadea Alimentaria e nun momento de crise para os produtores debido á forte e constante suba dos custos de produción e os baixos prezos.
A organización puxo o foco na necesidade de garantir rendas dignas para agricultores e gandeiros nun momento no que a venda a perdas aínda é unha realidade xeralizada. Nese senso, Unións Agrarias destaca a necesidade de reforzar o investimento público no campo; para garantir a rendibilidade do sector produtor, pero tamén a calidade de vida nos pequenos núcleos rurais, moi afectados polo peche de servizos sanitarios e edicativos e por unhas conexións e unha cobertura dixital aínda deficitaria.
A necesidade de valorizar o papel de agricultores e gandeiros como xestores do territorio e produtores de alimentos de calidade foi outra das reivindicacións de UUAA; que fai un chamamento para que se evite a criminalización e a divulgación de falsidades arredor dun sector no que o benestar animal e a sustentabilidade son prioritarios. Nese senso, a organización destaca a necesidade de que as administracións sumen forzas e se involucren decididamente na posta en valor do modelo de explotación familiar que predomina en Galicia. Unha actividade tradicional que garante a seguridade alimentaria da cidadanía e que supón un sustento fundamental para moitas zonas en serio colapso demográfico.
“Aspiramos á viabilidade económica das explotacións e a que ningún produtor cobre por debaixo do que lle custa producir. Pero tamén aspiramos a que quen viva no rural teña servizos semellantes á poboación doutras zonas” indicou o secretario xeral de UUAA; que tamén puxo o foco na necesidade de pechar dunha vez por todas a fenda dixital que afecta ao rural e que lastra as posibilidades de emprendemento e de fixación de poboación alén dos grandes núcleos.
Unións Agrarias destaca a necesidade de que os servizos públicos que lle foron roubados ao rural coa escusa da última crise económica, especialmente os relacionados con educación e sanidade, sexan restaurados. E reinvica a urxencia de sumar forzas para loitar contra o despoboamento e conseguir que quen produce alimentos sustentables e de calidade perciba rendas dignas. A organización destaca que vivir no rural non pode significar ser cidadán de segunda. E reivindica dereitos e calidade de vida garantidos para todas as persoas que aposten por un proxecto de vida ligado ao medio rural; xa sexan gandeiros, agricultores, emprendedores ou profesionais de calquera outro sector.