UUAA demanda á Xunta que aplique o máximo das axudas que permite Europa para o sector cárnico

Neste momento só se conceden 90 euros por hectárea cando o máximo permitido por Europa é de 400

Unións Agrarias fai un chamamento de urxencia para dotar dun plan de viabilidade ao sector produtor de carne en base a vacas nodrizas. A organización insta á Xunta a apostar de xeito decidido polo futuro dunha actividade tradicional imprescindible dende o punto de vista social e demográfico que, a día de hoxe, se atopa en serio risco de desaparición; e demanda a aplicación inmediata da Lei de Cadea Alimentaria nun sector no que a venda a perdas e sen contrato está a ser práctica xeralizada.

UUAA insta á Consellería de Medio Rural a poñer en marcha de xeito inmediato un plan de rescate ás explotacións de vacún de carne, que nos últimos meses viron subir os seus custos de produción de xeito desorbitado. Sabendo que chove sobre mollado e que vimos dunha situación xa delicada, a organización demanda a activación sen demora dunha axuda directa á renda das ganderías que lles permita dispoñer dun ingreso extra que garanta a súa viabilidade e faga que os gadneiros deixen de perder cartos. Así, UUAA reclama da administración autonómica un esforzo extra para un 2022 no que todo semella indicar que ás explotacións lles será imposible repercutir o aumento dos custos de produción no prezo da carne.

Unións Agrarias apela á responsabilidade da Xunta de Galicia para que aumente ao máximo as axudas do segundo pilar da PAC, as correspondentes a zonas desfavorecidas e de alta montaña e agroambientais. Unhas axudas que hoxe lles supoñen aos gandeiros galegos un ingreso duns 90 euros por hectárea, cando Europa permite pagar ata 400. “Facemos un chamamento para que esas axudas para o ano 2022 sexan do máximo que permite Europa”, indica a organización, que fai un chamamento á responsasbilidade para aproveitar ao máximo os fondos europeos e que permitiría ás ganderías percibir 4 euros por cada euro aportado pola Xunta.

UUAA urxe á administración autonómica actuar para dotar dun flotador a un sector que hoxe se atopa contra as cordas e que precisa con urxencia dun instrumento que permita anticipar eses fondos e dotar de liquidez ás explotacións. Adesmais, a organización lembra que, alén destas axudas á renda, a viabilidade futura do sector pasa por unha aposta clara pola diferenciación e a posta en valor dunha produción singular: tanto en calidade como no que ten que ver co seu modelo de produción. Nesa liña, a organización insta á Xunta de Galicia a implicarse de xeito decidido para dar a coñecer á cidadanía as bondades da Tenreira Galega Suprema mediante unha campaña institucional de apoio que traslade á poboación as singularidades desta carne: un sistema de produción en extensivo que podemos defender en calquera lugar como beneficioso para o medio ambiente e un produto top que está a venderse a prezo de xenérico.

Unións Agrarias destaca a importante función medioambiental da gandería en extensivo, que evita incendios, contribúe ao mantemento dos prados e aporta ao chan nutrintes básicos para evitar a desertización e manter a calidade do chan. Ademais remarca a importante dimensión social, demográfica e vertebradora do territorio dun sector que leva anos producindo a perdas e que a día de hoxe se atopa en serio risco de desaparición, incapaz de cubrir a forte e constante suba dos seus custos de produción.

A organización lembra que a Lei de Cadea está a incumprirse de xeito sistemático na gandería de carne, e esixe á Xunta de Galicia que poña en marcha un observatorio público de prezos que evite que os gandeiros galegos sigan vendendo por menos do que lles custa producir.

O custo dos pensos para alimentación do gando incrementouse nos últimos meses nun 23%. Ademais, a próxima campaña de forraxe custaralles aos gandeiros galegos un 45% máis, debido á suba dos fertilizantes ou dos plásticos de uso agrícola. Así, se hai un ano os custos de produción das explotacións de carne de vacún galegas se situaban no entorno dos 5 euros por quilo, hoxe superan os 6; mentres que o prezo de venda da carne segue sen superar os 4,60.

Mentres o prezo que os gandeiros cobran pola carne que producen se mantén practicamente igual que hai 30 anos, os insumos que precisan non deixan de subir. Os pensos aumentaron de prezo un 46,18% desde 2006, co incremento máis forte rexistrado no último ano, cando pasaron de 260 euros/tonelada a 340, un 23% máis. O gasóleo que en xaneiro do 2021 estaba a 0,59 euros/litro cóbrase hoxe a 0,89, un 48% máis caro. Para os plásticos agrícolas prevese unha suba dun 30% na próxima campaña: se no 2021 un rolo de encinatado custaba 57 euros máis IVA, na que ven agárdase que terá un prezo de 80+IVA. Mentres que os abonos químicos están a experimentar unha fluctuación constante á alza. Por exemplo, se un Triple 15 custaba 321 euros/tonelada en 2021 actualmente o seu prezo é de 733 euros/tonelada, un 56% de incremento.

En Galicia existen arredor de 8.500 explotacións profesionais inscritas en Tenreira Galega Suprema, localizadas fundamentalmente en zonas de montaña e en risco de colapso demográfico. Explotacións que realizan un manexo tradicional do gando, xestionan territorio e fixan poboación en municipios nos que a maior parte da actividade socioeconómica depende deste sector.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias