Santiago 9 de febreiro de 2022.- Unións Agrarias valora positivamente que a Consellería do Medio Rural recollera e comprometera a posta en marcha de varias das reivindicacións que a organización viña reclamando constantemente para mellorar a comercialización das producións en orixe. Acordos como a creación da Axencia do Control Alimentario serán fundamentais para a aplicación con rigor da Lei da Cadea de xeito que os actuais incumprimentos por parte das industrias lácteas á hora de negociar os contratos de aprovisionamento deixen de producirse.
A organización agraria volveu reclamar a posta en marcha dun observatorio de prezos con aplicación real para que os titulares de explotacións de leite poidan contar cun mecanismo de referencia certo que lles permita aplicar os seus custos de produción á negociación do prezo de venda coas industrias. No encontro mantido esta mañá co conselleiro do Medio Rural, José Gonzalez, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, fixo fincapé na necesidade de buscar todas as posibilidades normativas para poder concretar a mediación pública nas negociacións dos contratos de aprovisionamento de xeito que se equilibre a balanza entre a base produtora e as industrias transformadoras. Unha arbitraxe que xa está aportando grandes resultados nos países europeos nos que se ten desenvolto.
Tamén houbo plena coincidencia na necesidade de dar transparencia e traslado das fortísimas subas de custos de produción que no último ano levan soportado as granxas en practicamente todos os insumos que precisan para traballar, como son enerxía, fertilizantes, plásticos, alimentación animal ou combustibles. Factores que xa están contribuíndo decididamente á caída da renda no rural. Así, só no último ano tense detectado unha suba de 4 céntimos por litro nos custos da produción láctea; co que o balanzo de actividade eleva a 40 céntimos o investimento que cada gandeiro ten que facer para levar un litro de leite á industria.
A proposta da Consellería do Medio Rural da chamada “Solución Italiana”, baseada en acadar un acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros para establecer a devandita prima, cun tope de 41 céntimos por litro -excluíndo primas por calidades e IVE- ao longo de 2022, supón un activo importante para o mantemento da actividade nas explotación pero sempre que non sirva para desvirtuar o elemento central, como é o apuntamento dos custos de produción na negociación dos contratos coas industrias.
Finalmente, UUAA reclamou unha reunión específica sobre as problemáticas do sector cárnico, que atravesa unha das peores crises de rendibilidade polo constante incremento do diferencial entre o que se está a pagar polos animais e o que custa producilos. Unha fenda que neste momento xa supera os 2 euros por quilo.