Ulega denuncia o boicot de Capsa á negociación colectiva dos novos contratos de recollida do leite

A industria está a recorrer a ameazas para forzar aos produtores a asinar de xeito individual contratos que vulneran o seu dereito a cubrir custos

 

Ulega denuncia a actitude de Capsa Food ante a negociación dos novos contratos de abastecemento do leite que está a ter lugar nestes meses. A organización de produtores impulsada dende Unións Agrarias-UPA considera inaceptable a resistencia desta industria, responsable entre outras marcas comerciais de Leite Larsa e Central Lechera Asturiana; que está a evitar a negociación colectiva e tentando forzar aos produtores a asinar de xeito individual contratos que a todas luces ignoran o seu dereito a cobrar por enriba de custos de produción, tal e como establece a Lei de Cadea Alimentaria.

Nun momento especialmente compricado para as explotacións lácteas, cos prezos de todos os insumos básicos para a súa actividade disparados, Ulega destaca a importancia de apostar pola negociación colectiva para evitar intentos de burlar os dereitos dos gandeiros como os que nas últimas semanas está a realizar Capsa. “Están a boicotear a negociación con Ulega e están tentando obrigar aos gandeiros a asinar contratos ameazándoos coa non recollida do leite”, denuncia o presidente da organización de produtores, José Manuel Liñares. Que insta ao Ministerio de Agricultura e á Xunta de Galicia a actuar canto antes para facer cumprir a lei.

A organización de produtores xa ten posto a situación en coñecemento das administracións e apela á responsabilidade das mesmas para poñer freo a unha situación que vulnera a Lei de Cadea Alimentaria e que supón un claro ataque contra a rendibilidade e o mantemento do tecido produtor. E insta a non deixar pasar estes graves feitos e a impulsar “unha actuación inmediata, contundente e exemplarizante contra Capsa para que sete tipo de actitudes, claramente contrarias á Lei de ao Paquete Lácteo, non se repitan”. Asímesmo, insiste na necesidade de impulsar a figura do mediador público que xa existe noutros países europeos. Un xeito de dotar de maior transparencia e equilibrio as negociacións entre industrias e produtores e garantir o cumprimento estrito da lexislación vixente.

A finais de xaneiro Ulega trasladou a Capsa a solicitude de inicio do proceso de negociación dos novos contratos de abatecemento. Porén, a industria está a ignorar a súa obriga de negociar colectivamente a través da organización de produtores, tal e como marca a lei, tentando forzar aos gandeiros a renovar contratos de maneira individual. “Están visitando a todos e cada un dos produtores que integran Ulega con ameazas de que ou asinan ou deixarán de recollerlles o leite”, denuncia Ulega. Que considera especialmente intolerable e incomprensible este proceder por parte dunha industria con base cooperativa, e cuxo director xeral é ademais presidente da Fenil.

A “oferta” de Capsa establece un prezo base de 31,5 céntimos/litro. Unha cifra que queda moi lonxe dos custos de produción das explotacións que, tal e como recoñecen tanto o Ministerio como a Xunta de Galicia, roldan os 40 céntimos. Ademais, non recolle ningunha referencia aos custos de produción, senón que propón un contrato ligado á evolución das cotizacións dos derivados industriais que, se ben é certo que neste momento rexistran prezos altos, poderían devaluarse en calquera momento, forzando aos gandeiros a entregar o leite por menos do que lles custa producilo.

“O obxectivo está claro: saben que Ulega non está de acordo co contrato que poñen enriba da mesa e por iso evitan a negociación colectiva”, indica o asesor técnico da organización e responsable da Área Sector Lácteo de Unións Agrarias, Óscar Pose. “Capsa sabe que Ulega non acepta ningún tipo de chantaxe, e non

Ulega foi a primeira organización de produtores lácteos recoñecida en España e unha das máis grandes de Europa. Capsa recolle leite a unhas mil explotacións galegas que, de asinar o contrato proposto, quedarían desamparados e forzados a vender a perdas no caso dunha próxima caída dos prezos de derivados industrias como o queixo, o leite en pó e a manteiga.

Alén de Capsa, Ulega lembra que a imposición de contratos e a resistencia a unha negociación equilibrada segue a ser actitude xeralizada entre as industrias láctea que operan en Galicia. “Basta coller os contratos de calquera delas e ver que todas e cada unha das condicións, puntos e comas dos mesmos son exactamente iguais; o que deixa en plena evidencia que se trata de contratos de ahesión, impostos por parte da industria e sen ningún tipo de negociación dos produtores”.

Ulega lembra o constante e brutal aumento que os custos de produción das granxas levan meses experimentando. “Non se espera unha recuperación dos prezos deses insumos a curto prazo, polo que é absolutamente necesario que os novos contratos recollan unha referencia á evolución dos mesmos e garantan a súa cobertura en todo momento”.

No extremo contrario, a organización de produtores sinala a industrias como Entrepinares e Pascual, que “si están a poñer sobre a mesa contratos con prezos razonables para os produtores e que deben servir de referencia para o resto das industrias”.

Ulega lebra que nos últimos meses a distribución ten impulsado un aumento do PVP do leite para permitir un reparto máis equilibraod e xusto dos beneficios entre todos os elos da cadea produtora. Porén, salvo excepcións, as industrias están a embolsarse ese incremento, resistíndose a trasladalo aos produtores e obviando a lexislación vixente.

Negociacións coa distribución

Ulega e Unións Agrarias están a negociar coa distribución para que os contratos de subministro coas industrias inclúan referencia explícita a que o leite e produtos lácteos adquiridos proceden de explotacións nas que se cubren custos de produción. Unha cláusula que xa teñen implantado algunhas cadeas, e que ambas organizacións tentarán facer extensivas á totalidade das que operan en Galicia.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias