Santiago, 1 de marzo de 2022.- Unións Agrarias lamenta profundamente as gravísimas consecuencias sobre a poboación de Ucraína que está a provocar a inxustificable invasión promovida polo goberno ruso. Unha guerra indefendible que ademais da perda de vidas e bens, vai a traer unha grande incerteza de carácter económico para moitos sectores de actividade entre os que sen dúbida se atopan a gandería e a agricultura.
Neste contexto, a organización agraria reclama das administracións a posta en marcha dun plan de continxencia que coordine accións para garantir o mantemento da produción ante as graves consecuencias que se derivan da concorrencia de factores tan negativos como a extensión da seca, a guerra nunha zona cerealeira como Ucraína e a alza de prezos derivaba das crecentes esixencias “verdes” da Unión Europea.
Polos datos dos que dispón o gabinete técnico de UUAA, a situación dos mercado das materias é moi grave polas consecuencias que está provocar a seca nas principais zonas de abastecemento de cereais, (América do Sur e Estados Unidos), unha problemática similar tamén a están experimentar nos países produtores de gran da UE, (España, Italia e Romanía).
Desde Unións Agrarias vese con especial preocupación a alza dos prezos do combustible e a enerxía cuxa escalada imparable -e mais agora cun escenario bélico tensando os mercados-, polo que pide que neste marco se faga unha reflexión sobre os factores que inciden na chamada inflación verde que nace da interminable lista de prohibicións e regulacións a produción agrogandeira.
Para a organización agraria, algunhas das reformas previstas na ultima revisión da PAC deben de ser repensadas mentres os escenario internacional non sexa mais estable. Factores como a obriga a deixar en barbeito terras de produción nun momento de necesidade de alimentación ou determinadas limitacións no sector gandeira deben ter unha moratoria na aplicación para poder compensar as graves ameazas que ten o sector primario.
Finalmente, UUAA pide un plan de enerxías renovables para as explotacións en igualdade de condicións do que dispoñen as industrias polo que lles permitan compensar cos excedentes da produción de enerxética solar unha parte do seu consumo eléctrico.